A Xunta vén de coñecer antonte a sentenza do Tribunal Supremo que da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017.
Unha magnífica noticia que celebro e felicito ao presidente da Xunta e a Asesoría Xurídica polo gran traballo realizado.
A
sentenza da Sala 3ª do Tribunal Supremo recoñece o dereito a que Galicia sexa
compensada pola mensualidade do IVE que non ingresou o Goberno central. O
Executivo autonómico reclámalle 204 millóns de euros por este concepto.
O Goberno galego acolle con satisfacción esta sentenza, que recoñece que unha vez máis Galicia tiña razón e que as galegas e galegos gañan porque recuperan uns cartos que aboaron todos os cidadáns, e que polo tanto son seus.
A
Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e por iso Galicia foi a
primeira Comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018 e reclamar os
204 millóns de euros correspondentes ás mensualidade do IVE de 2017.
O
Executivo galego reclamou de maneira reiterada ao Goberno central que fixese
este abono, tal e como acreditan os feitos probados na sentenza. Neste sentido,
a Xunta esixiu en varias ocasións unha solución nos Consejos de Política Fiscal
y Financiera (CPFF), e reclamouno por carta á Ministra de Hacienda. Ademais,
elaborou informes xurídicos que facilitaban unha solución; esixiu coñecer os
informes xurídicos nos que o Estado apoiaba a súa posición e aportoulle os
seus; mesmo redactou unha proposta normativa para solucionar esta cuestión que
foi remitida ao Goberno e que non foi tomada en consideración; e tamén impulsou
a aprobación de resolucións no Parlamento de Galicia en apoio a esta
reclamación.
Agora
a sentenza do Tribunal Supremo acredita que o Goberno central vulnerou o
dereito á autonomía financeira da nosa comunidade, que esa actuación orixinou
un quebranto económico á facenda autonómica, e que dese xeito se produciu un
enriquecemento indebido para a Administración do Estado.