jueves, 27 de mayo de 2021

Feijóo valora o apoio do presidente portugués ao eixe atlántico ferroviario e o seu compromiso inequívoco para a conexión Porto-Vigo


Da actualidade política de hoxe salientar que o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe no Palacio de Belem de Lisboa, unha reunión co presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, a oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para reactivar o turismo e a economía de ambos os territorios.

Durante unha xuntanza mantida este mediodía, Feijóo expuxo que tanto o Camiño Portugués do Interior como o da Costa están a experimentar o maior incremento de peregrinos, como xa se puxo de manifesto en 2019, resaltando ademais o patrimonio histórico, a gastronomía e a paisaxe como elementos clave destas rutas.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego agradeceu a decisión de Marcelo Rebelo de Sousa de facer unha etapa do Camiño como peregrino no mes de agosto. “Se ben xa fixo o Camiño en dúas ocasións, estamos máis que satisfeitos ante o compromiso do presidente da República e poder contar así cun peregrino especial”, abundou.

No eido económico, Feijóo valorou tamén o apoio do presidente portugués ao eixe atlántico ferroviario e o seu compromiso inequívoco para que a conexión Porto-Vigo “non teña marcha atrás”.

Así mesmo, ambos mandatarios avaliaron as posibilidades que brindan os fondos europeos Next Generation para relanzar a situación económica. Ao respecto, o titular da Xunta fixo referencia aos máis de 300 proxectos que conforman a candidatura de Galicia, por un importe de 20.000 millóns, facendo fincapé nos que poden resultar “interesantes” para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como a iniciativa presentada no ámbito da automoción.