Este domingo 9 de maio ás 0:00 horas finalizou o estado de alarma que afectou durante o últimos seis meses os dereitos fundamentais dos cidadáns, como o da libre circulación.
Esta semana o
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou das novas medidas
acordadas polo comité clínico para seguir avanzando no proceso de apertura
gradual e medido, e adaptarse á nova situación que se abre co fin do estado de
alarma.
Nesta liña,
afirmou que o Executivo autonómico seguirá escoitando aos expertos sanitarios
que integran o comité clínico para tomar decisións, co obxectivo prioritario de
xestionar a pandemia e protexer aos cidadáns dos riscos sanitarios, económicos
e sociais.
Así, en primeiro
lugar, e a consecuencia do remate do estado de alarma, anunciou que desde hoxe Galicia
no seu conxunto deixará de ter peche perimetral, permitíndose a mobilidade para
entrar e saír da Comunidade.
Con este fin,
precisou que se reforzará o Rexistro de viaxeiros. “Darémoslle unha maior
visibilidade ao rexistro, e as persoas que cumpran coa obriga de apuntarse
serán chamadas para realizar unha proba diagnóstica. No caso de que viaxen
persoas cun certificado de vacinación, só terán que acreditar que o teñen; e os
cidadáns que cheguen a Galicia en avión teñen a disposición un posto de cribado
nos tres aeroportos”, precisou, ao tempo que anunciou a proposta de manter o
peche perimetral naqueles concellos que se atopan no nivel máximo -os que
superan os 500 casos de incidencia acumulada a 14 días-. Unha medida, aseverou,
que terá que ser autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por outra banda,
Feijóo explicou que, se ben o toque de queda se eliminará a partir do domingo,
o sábado ampliarase ata a medianoite, para evitar a situación de que os
cidadáns teñan que estar nas súas casas ás 23 horas e poidan volver saír a
medianoite, co fin do estado de alarma.
Así mesmo,
resaltou o obxectivo de mantelo ás 23 horas naqueles concellos cunha situación
epidemiolóxica de risco extremo, para o cal tamén se terá que contar co
preceptivo respaldo xudicial.
No tocante á
hostalería, asegurou que se seguirán ampliando os horarios. Deste xeito: os
bares poderán abrir ata as 23 horas; e os restaurantes terán agora ata a unha
da madrugada. “Sempre mantendo os criterios establecidos no seu día, é dicir,
que conten con licencia de restaurante, que funcionen con cita previa e conserven
un rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire e controlen o CO2 do
local”, dixo.
De acordo con
estas medidas, o titular da Xunta afirmou que tamén se pedirá aval xudicial
para limitar as reunións de non conviventes desde a unha ata as seis da mañá.
Medidas segundo
os niveis de risco
Feijóo
aproveitou tamén a comparecencia para especificar como quedarían os niveis de
risco establecidos e as restricións que implicarían. Ao respecto, e sobre o
nivel máximo -cunha incidencia a 14 días superior a 500 casos-, as medidas que
rexerán serán: non se poderá entrar e saír deles salvo por causa xustificada;
haberá toque de queda entre 23 e 6 horas; a hostalería permanecerá pechada; e
estarán prohibidas as reunións de non conviventes, unha cuestión para a que
haberá que pedir o referendo das autoridades xudiciais.
No caso do nivel
alto -para taxas de entre 250 e 500-, as medidas serán: libre mobilidade; non
haberá toque de queda; a hostalería poderá abrir só terrazas ao 50%; e estarán
permitidas as reunións de catro persoas en lugares pechados e seis en
exteriores, cuestión que terá que ser ratificada polos tribunais.
Sobre o nivel
medio -para incidencias entre 150 e 250-, Feijóo subliñou que para estes
concellos establecerase: libre mobilidade, non haberá toque de queda, a
hostalería terá un aforo do 30% no interior e do 50% no exterior, e permitirase
a reunión de 4 persoas en lugares pechados e de 6 en exteriores.
Por último, no
nivel medio-baixo, é dicir, con taxas de menos de 150, establecerase: libre mobilidade,
non haberá toque de queda, a hostalería ao 50% en interior e 75% en exterior, e
poderán reunirse 4 persoas en lugares pechados e 6 en exteriores.
Novos avances
nas residencias de maiores e nos centros de día
Ao longo da súa
intervención, Feijóo referiuse tamén ás medidas para seguir avanzando na
apertura das residencias de maiores e dos centros de día. Así, nos centros de
día que superen o 90% de usuarios vacinados: permitirase aos usuarios pasear
pola contorna, sempre coa compañía dos seus coidadores; e nos centros de día
que compartan instalacións cunha residencia, o persoal que estea vacinado
poderá rotar entre ambos os centros.
Nas residencias,
os maiores poderán saír para pasar uns días coas súas familias -como mínimo
cinco días e realizando unha PCR ou proba de antíxenos ao volver ao centro-,
agás cando o domicilio da familia estea nun concello de nivel de risco máximo.
Nas residencias situadas nos concellos cun nivel medio e medio baixo de risco,
poderase pasar de 3 saídas por semana a un máximo de 5, de ata 4 horas cada
unha. Por último, e durante as visitas dos seres queridos aos usuarios, poderá
volver manterse o contacto físico.
Remata o estado
de alarma pero non remata a pandemia
Feijóo concluíu
lamentando que ante o fin do estado de alarma a única solución que ofreza o
Goberno central sexa a de xudicializar a pandemia, de forma que os tribunais
teñan que avalar moitas das medidas que se deban tomar a partir de agora.
“Remata o estado
de alarma pero non remata a pandemia”, abundou, incidindo en que Galicia
traballará para afrontar a nova situación na que ten que xestionar a pandemia
con seguridade xurídica, con argumentos e co máximo rigor; “motivando todas as
nosas decisións para obter a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.