Así, malia que Pepa Pardo, Sandra Vázquez, Rosa Gallego, Begoña Blanco, Paula Mouzo, Eugenia Vázquez, Patricia Lamela e Patricia Torres terán a principal responsabilidade de organizar o Congreso, o líder os populares galegos aclarou que todos os demais militantes teñen a de participar, a de propoñer e a de dar a nova visión que crean necesaria para o partido.
Logo de manifestar que o PPdeG non é un proxecto individual senón colectivo e que está por riba de calquera personalismo, recordou que todos os membros da formación remaron na mesma dirección para poder reproducir a maioría absoluta en plena pandemia, unha resposta de gran xenerosidade á que Feijóo quere corresponder. Por este motivo, apuntou que volverá pedir a confianza da militancia para seguir a disposición do seu partido, xa que ese é o seu xeito de seguir a disposición de Galicia.
UNHA OPORTUNIDADE
Durante a súa comparecencia na Xunta
Directiva que convocou o 17º Congreso autonómico, o presidente fixo fincapé en
que, ata a súa celebración, os populares teñen a
oportunidade de seguir deseñando a Galicia do futuro, que quere seguir crecendo,
reforzando os seus servizos públicos e que ten que estar acompañada dun partido
aberto e accesible; tres obxectivos que marcarán as ponencias que desde
hoxe se propoñen elaborar para que sexan aprobadas no Conclave.
UNHA GALICIA QUE QUERE VOLVER CRECER
Feijóo insistiu en que o gran reto da Galicia post-pandemia será a reactivación económica e, para acadala, declarou que os populares teñen a receita clara: máis emprego e menos impostos, algo que tamén significa defender a nosa autonomía fiscal, o noso dereito civil e ás 142.000 persoas que se beneficiaron do noso sistema de herdanzas en vida.
Igualmente, indicou que o futuro da Comunidade pasa por ser unha terra con máis oportunidades, mellor conectada e máis innovadora; así como por ser máis verdes, pero tamén máis competitivos. Para iso, recoñeceu que se necesita unha transición xusta, lamentando que levemos tres anos sufrindo neste país unha imposición e unha intransixencia enerxética que está provocando paro e a caída da produción industrial.
Tras manter que Galicia ten as características, os recursos e a capacidade necesaria para ser unha gran potencia enerxética verde, pediu que, mentres constrúen o novo modelo, outros non destrúan o tecido industrial.
SERVIZOS PÚBLICOS PARA AS PERSOAS
No seu discurso, lembrou que o
seu Goberno leva máis dunha década construíndo uns servizos públicos que son
unha referencia, como se demostrou durante a pandemia. Neste sentido, subliñou
que no ámbito educativo estamos rematando o curso escolar máis complexo da nosa
historia con éxito e que se está deseñando o Plan de Arquitectura Pedagóxica; no
social, admitiu que seguirán reforzando a atención a todas as etapas da vida
dos galegos; mentres, no sanitario, continúan coa axenda de renovación de
infraestruturas clave, unha realidade que está por riba de todas as mentiras da
oposición.
UN PARTIDO MÁIS ABERTO
Ademais, Feijóo defendeu que para
xestionar a Galicia do presente e deseñar a do futuro necesítase do mellor PP,
dun partido no que cabe todo o mundo, ao que lle gusta contar coa experiencia e
a traxectoria, e con conviccións firmes pero libre de sectarismos e de
doutrinas.
De feito, reivindicou que, no ano no que conmemoramos o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, a súa formación foi decisiva na transformación económica e acompañou sempre á sociedade galega na súa modernización, por iso é un partido tan grande e representativo da nosa Comunidade.
SERVIDORES DOS CIDADÁNS
Alberto Núñez Feijóo resaltou a vitoria electoral do PPdeG en xullo do ano pasado e cuestionou aos partidos que, pese a perder, avalían os resultados con soberbia, seguen empecinados en que se equivoca a Comunidade e non eles, e que se cren donos de Galicia. Sen embargo, destacou que os populares saben que, malia gañar, teñen que traballar con humildade, seguir escoitando aos cidadáns e non esquecer que son os seus servidores.
Nese senso, sostivo que a súa non é unha forza política narcisista e inmóbil que pretende que a xente se parezan ao partido, como queren os nacionalistas; non só pensa no marketing, como fan os socialistas; e tampouco é unha formación populista e temporal que busca crecer a costa da inestabilidade. Como remarcou, os populares son reformistas, constitucionalistas, europeístas e galeguistas: “O que intentamos é interpretar o que a xente nos pide e parecernos á maioría dos galegos”.