sábado, 26 de junio de 2021

A piques de rematar as obras do aparcadoiro da intermodal de Ourense e de embelecemento da terminal de autobuses


Vexo esta mañá en Ourense o ritmo frenético da empresa que executa as obras casi ultimadas do aparcadoiro da intermodal de Ourense que está previsto que entre en servizo o vindeiro mes de xullo para completar a 1ª fase da estación, na que resta aínda a execución da área ferroviaria.

Unhas obras que executa ADIF, cun investimento de 6,7 M€, e cuxo custo é financiado maioritariamente con fondos propios da Xunta, preto de 4 M€, que representan o 67 %. ADIF aporta o 33 %.

O acceso rodado ao novo aparcadoiro subterráneo, con preto de 9.000 m², unha lonxitude de 130 metros  distribuídos en 2 andares e cun total de 300 prazas soterradas, realizase desde a rúa Eulogio Gómez Franqueira. Contará, ademais, con 3 accesos peonís: para uso dos usuarios da terminal de autobuses; para os usuarios do ferrocarril e un terceiro acceso para uso preferente da cidade, para facilitar a entrada directamente aos veciños deste barrio.

A posta en servizo deste aparcadoiro é a peza que falta para completar a 1ª fase da estación intermodal de Ourense, xa que a nova terminal de autobuses está en servizo desde hai 4 meses, desde o pasado 6 de febreiro.

Tamén puiden ver a fonte ornamental na estación de autobuses da intermodal de Ourense, deseñada polo estudo de arquitectos da cidade de Ourense Müller-Feijoo cun deseño que evoca a cultura das augas e das termas. A fonte componse de distintos aneis polos que discorrerá a auga ata un máis profundo, que se converte nunha lámina de auga, na que se situarán embocaduras con efectos de nubes de  pulverización.

Está previsto que esta fonte ornamental dispoña ademais de iluminación, oculta baixo os aneis, que permitirán realzar a súa estrutura e visualizar o efecto “nube” na auga.

Fixen estas fotos.