miércoles, 2 de junio de 2021

En contra da tributación das transmisións sucesorias en vida sobre os pactos sucesorios reguladas no Dereito Civil galego

 

Saliento a nova de que hoxe a Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil galego rexeitou, nunha reunión do seu pleno presidida polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o proxecto de lei de medidas de prevención e loita contra o fraude fiscal do Goberno central que inclúe unha modificación na tributación dos pactos sucesorios no IRPF.

A web da Xunta da conta de que “o órgano consultivo elaborará un pronunciamento no que exporá os motivos desta nova regulación que introduce a tributación das transmisións sucesorias en vida sobre os pactos sucesorios, unha figura propia do Dereito Civil galego. O documento remitirase aos grupos parlamentarios.

A Constitución Española, o Estatuto de Autonomía e as normas sobre dereito civil recoñécenlle a Galicia a competencia para aplicar na realidade galega a transmisión de bens e dereitos antes do falecemento, como se vén facendo mediante a Lei 2/2006 de Dereito Civil de Galicia que regula estes pactos e que permitiu que máis de 142.000 galegos e galegas recibiran bens por esta vía desde 2016.

Por iso, a Xunta considera que vulnera os principios de igualdade e neutralidade do sistema tributario en comparación coas herdanzas por falecemento. Tamén alega que o proxecto no que traballa o Executivo estatal vai en contra das costumes e institucións do dereito civil propio de Galicia, ao pretender obrigar aos beneficiarios dun pacto sucesorio a manterse na titularidade dese ben para evitar o incremento fiscal no IRPF, do que ata agora estaban exentos.

Por outra parte, o Goberno galego tamén considera que o proxecto lexislativo estatal establece unha presunción xeral de fraude nunha transmisión lícita arraigada no ámbito do Dereito Civil galego, o que amosa un descoñecemento do sentido dos pactos sucesorios na comunidade. Deste xeito, da reforma que está a tramitar o Goberno central dedúcese que se o ben se vende antes do falecemento da persoa que realiza a transmisión trátase dun fraude e sen posibilidade de probar ese feito e, por tanto, admitir proba en contrario.

Ademais, advirte de que a nova medida prexudicará aos cidadáns que se benefician das transmisións en vida pola necesidade de contar cun apoio patrimonial ao recibir en anticipo os bens que lle corresponden en herdanza e poder dispoñer así de liquidez para formar unha familia ou emprender unha actividade profesional. Nesta liña, a Xunta defende que as herdanzas en vida permiten dinamizar o patrimonio ao transmitir, por exemplo, propiedades de pais a fillos para poñelas en valor, así como favorecer a sucesión nas empresas.”

Estou totalmente dacordo con estos plantexamentos