O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu onte a vixencia do modelo autonómico baseado na cogobernanza e na corresponsabilidade, “no que as comunidades temos que falar dos nosos dereitos pero tamén das nosas obrigas”, aseverou.
Durante a súa participación por videoconferencia na Reunió Cercle d’Economia xunto aos presidentes autonómicos de Andalucía, Baleares e Valencia, Feijóo recoñeceu deste xeito que se ben o modelo é susceptible de mellora, “porque non hai ningún modelo perfecto”, o modelo autonómico foi útil para a inmensa maioría dos españois e as comunidades deben facer unha reflexión de como están a exercer as súas obrigas.
Así, recordou, a modo de exemplo, que o custo da sanidade en persoas maiores de 75 non é comparable ao gasto en persoas menores de 15 anos; “e o 21% do gasto do transporte escolar de toda España corresponde a Galicia”, dixo, en relación á dispersión xeográfica.
“Creo que procede falar do sistema de financiamento. Hai unha insuficiencia financeira porque España non ten recursos para o nivel de servizos públicos que estamos prestando. Este é o principal problema”, sentenciou, destacando como segundo elemento clave o reparto “e que facemos cada un co seu diñeiro”.
O presidente da Xunta concluíu felicitando ao Cercle d’Economía pola organización deste tipo de xornadas que poñen de manifesto a importancia do diálogo e da reflexión para, fóra do ruído no que nos movemos nos últimos tempos, intercambiar receitas que permitan afrontar os desafíos que ten a España das autonomías.