domingo, 27 de junio de 2021

Feijóo, enxalza o Camiño de Santiago como un patrimonio que é Marca España e o noso sinal de identidade en todo o mundo e que entre todos debemos conservar

 

Onte na Rioxa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou o Camiño de Santiago como un patrimonio que é Marca España e o noso sinal de identidade en todo o mundo e que entre todos debemos conservar. “O camiño é coidar o legado que recibimos”, abundou.

Fíxoo durante o acto de sinatura da Declaración Conxunta de Cooperación Institucional por parte dos gobernos da Rioxa, Galicia, Navarra, Aragón, e Castela León, e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), no que tamén estivo presente a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego aproveitou para agradecer aos participantes a súa vontade de proclamar con esta rúbrica a vixencia do Camiño, recoñecer todo o que achega ás comunidades que atravesa e renovar compromisos. Precisamente ao fío disto, puxo en valor que actos como este e o de onte en Liébana demostran que as autonomías polas que pasa o Camiño colaboran e comparten prioridades.

“Galicia é o lugar onde as culturas, linguas, sensibilidades e orixes dos que nos visitan conflúen. Un pobo que durante mil anos foi testemuña da construción europea e dos valores que seguen máis que nunca vixentes, a igualdade e solidariedade”, dixo, logo de recordar os máis de 83.000 km de camiños e máis de 350 asociacións de amigos do Camiño que perviven nos 5 continentes.

Finalmente e a modo de colofón, o presidente da Xunta apelou ao camiño, á súa historia e tradición como punto de encontro, “Estamos unidos de forma secular neste gran país. Temos tanta historia en común que só descoñecéndoa podemos ocultala”, sentenciou.

E antonte en Cantabria, o  presidente da Xunta, agradeceu a Asturias e Cantabria a súa implicación no coidado e promoción do Camiño e instou á España “verde” a aproveitar a oportunidade histórica que supón o Xacobeo 21-22, para reactivar o tecido turístico.

Foi durante o acto de descubrimento da mouteira que identifica o Camiño de Santiago, no Mosteiro de Santo Toribio de Liébana, e xunto co presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e presidente de Asturias, Adrián Barbón, cando Feijóo aseverou que tanto a Ruta Xacobea como o Camiño Lebaniego son produto da mellor humanidade: o sacrificio diante do adverso, a unión e os destinos comúns.

Feijóo concluíu incidindo en que Galicia está preparada para acoller a todos os que queiran visitar a Comunidade; ademais de poñer en valor a celebración no 2023 do Ano Santo Lebaniego, aseverando que “o xúbilo de Cantabria será tamén o xúbilo de Galicia”.