miércoles, 14 de julio de 2021

A Xunta denuncia un novo incumprimento na rebaixa das peaxes da AP-9 e insta ao Goberno a aclararlle aos galegos cando fará efectivos os descontos

 

Hoxe a  Xunta por medio dunha nota de prensa "denuncia un novo incumprimento na rebaixa das peaxes da AP-9 e insta ao Goberno de España a aclararlle aos galegos cando fará efectivos os descontos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento, onde lamentou que “os galegos xa non saben que vai tardar máis, se os descontos da AP-9 ou a chegada do AVE a Galicia”.

Vázquez Mourelle salientou que a Xunta quere que os galegos se beneficien xa desas rebaixas, que o Executivo se comprometera a facer efectivas neste mes de xullo. Subliñou que “no tempo de desconto, a 17 días de que expire o prazo, a Xunta ten que enterarse polos medios de comunicación que en xullo xa non vai haber descontos, e a ver se en agosto”.

A este respecto, manifestou a inquedanza da Xunta ante a falta de información oficial por parte do Ministerio, que continúa sen comunicar en que data serán realmente efectivas as bonificacións.

Tamén lamentou que o Goberno galego teña que coñecer polos medios de comunicación que o Ministerio só prevé unha rebaixa do 20% para os vehículos pesados, unha cifra que non cumpre as expectativas do sector nin contribúe ao obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

Lembrou a experiencia da redución do 35 % no treito entre Puxeiros e O Porriño, que só logrou captar o 7 % do tráfico pesado, un resultado insuficiente, a pesar de que a bonificación era maior que a anunciada recentemente polo Goberno estatal.

Remarcou que a Xunta tampouco dispón de información sobre a liberación da peaxe de Redondela, onde os veciños de Chapela levan desde outubro de 2018 pagando por unhas medidas compensatorias pola ampliación de Rande.

Lembrou que Galicia leva 9 meses agardando a que se cumpra este anuncio feito en outubro do ano pasado, cando o Goberno central vinculara esas rebaixas aos Orzamentos Xerais do Estado de 2021, que entraron en vigor co inicio do ano.

Sen embargo, recordou que en xaneiro, en lugar destes descontos, tivo lugar unha nova suba das peaxes coa que a AP-9 segue a estar entre as autoestradas máis caras de España.

Reiterou que o Goberno central debe manter a palabra dada aos galegos e aplicar xa as bonificacións na AP-9, pois é irrenunciable e prioritario paliar o agravio e o impacto destas peaxes nos petos dos cidadáns e na competitividade da economía."