martes, 20 de julio de 2021

Feijóo destaca a achega da Xunta á intermodal de Ourense e insta ao Goberno central a acometer a reforma da estación de tren para completar a porta de entrada do AVE a Galicia

Asisto hoxe en Ourense ao acto de finalización da primera fase da estación intermodal.

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a achega da Xunta á intermodal de Ourense e instou ao Goberno central a acometer a reforma da estación de tren para completar a que será porta de entrada do AVE a Galicia.

Cun investimento da Xunta de nove millóns de euros, Feijóo subliñou que a Administración autonómica pon fin á primeira fase da intermodal de Ourense, composta pola terminal de autobuses -financiada con fondos Feder 2014-2020-, a praza e o aparcadoiro con 300 prazas.

“Estamos a falar dunha gran estación de autobuses, céntrica, accesible e moderna; con máis de 7.300 metros cadrados e coa previsión de albergar case 70.000 expedicións e a 265.000 viaxeiros”, engadiu, referíndose tamén á humanización da contorna, á ordenación do tráfico e ao reforzo da independencia do centro de saúde contiguo.

Sobre este punto recordou que o aparcadoiro, executado por Adif pero financiado maioritariamente pola Xunta, foi dimensionado para servir á estación e atender o déficit de prazas de estacionamento do barrio da Ponte. 

O titular da Administración autonómica aproveitou o acto para demandar novamente ao Executivo central o impulso da nova estación do AVE da cidade e, desde Ourense, seguir avanzando na modernización ferroviaria cara a Lugo, cara a Vigo e chegar ata Ferrol. “Só pedimos que se cumpra o compromiso da administración central e a estación do AVE está comprometida desde 2016. A Xunta cumpriu todo o acordado no convenio e o que falta por cumprir e a execución da nova estación de ferrocarril”, abundou, incidindo en que trasladará esta demanda á nova ministra de Transportes.

Feijóo subliñou que con esta nova infraestrutura, o Goberno galego dá un paso máis no compromiso da Galicia única, así como na aposta por unha mobilidade menos contaminante, que se veu reflectida na renovación das 3.100 liñas de transporte interurbano da Comunidade, coa introdución no transporte público de novas modalidades, como o autobús compartido, que aproveita as prazas baleiras do autocar escolar para o resto dos usuarios; ou o transporte baixo demanda, que permite levar este servizo público esencial onde antes non chegaba e cubrir a totalidade do territorio; así como coa gratuidade das viaxes aos menores de 21 anos.

No tocante a este último punto, resaltou que xa hai case 90.000 mozos galegos que teñen a tarxeta Xente Nova e viaxan de balde nos autobuses da Xunta por toda a comunidade autónoma. Así, con esta tarxeta, un mozo de Verín que estude na cidade de Ourense pode aforrar case 1.800 euros cada curso, evitando o custo do desprazamento diario durante os nove meses lectivos.

O presidente do Goberno galego concluíu garantindo que a Administración autonómica seguirá traballando na cidade: na mellora da seguridade viaria e na humanización das rúas, como está a facer en Marcelo Macías, en Seixalbo ou na contorna da Ponte Vella; na mellora dos servizos sociais, impulsando a construción da nova residencia da terceira idade, aproveitando a parcela da vella estación de autobuses, xa completamente demolida; e na mellora da sanidade pública, cunha renovación, ampliación e reforzo das infraestruturas do Complexo hospitalario de Ourense, ao que se destinarán 120 millóns de euros.

Adif Alta Velocidade nunca nota de prensa informaba “sobre a posta en servizo da Praza da Estación Intermodal de Ourense, cun deseño que alterna zonas rodadas e peonís. A zona rodada inclúe bolsa de taxis (10 prazas), zonas de parada momentánea (Kiss & Ride, 6 prazas), aparcamento de motos (5 prazas) e bicicletas (10 prazas), área de carga/descarga e vehículos de emerxencia. Pola súa banda, a zona peonil alberga dúas zonas axardinadas e dúas fontes.
No deseño de todos os seus elementos, como áreas peonís e rodadas, localización dos piares da pérgola, núcleo de comunicacións da pasarela sobre as vías, zonas axardinadas e conexións co resto da trama urbana, tívose en conta o desenvolvemento futuro da Praza coa adaptación da estación de ferrocarril aos novos servizos de alta velocidade.”

Informaba
tamén que “finalizou o pasado 6 de xullo as obras de construción do novo aparcamento para turismos integrado na Estación Intermodal de Ourense, situado no subsolo da Praza da Estación, e xunto á nova estación de autobuses, garantindo o efectivo intercambio modal para os usuarios.
O aparcamento ten 300 prazas: o soto 1 alberga 144 prazas e o soto 2 inclúe 156. Do total de prazas reserváronse cinco en cada soto para persoas con mobilidade reducida. Actualmente o concesionario atópase instalando os sistemas necesarios para a apertura das instalacións, que se producirá próximamente”