Hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou, a “Estratexia de captación de financiamento europeo para a provincia de Ourense. Período 2021-2027”, “unha iniciativa coa que Ourense se converte na primeira provincia de España en pór en marcha un plan provincial específico para atraer fondos europeos”.
Informa a nota de prenssa que "en concreto, estímase en máis de 85 millóns de euros o montante económico ao que ascenden os proxectos, todos eles baseados na “economía verde” e que abranguen as áreas de turismo, reto demográfico, termalismo, infraestruturas e innovación.
“Son proxectos que encaixan cos Obxectivos de
Desenvolvemento Sostible (ODS), pensados en clave de provincia para reactivar a
economía dos municipios, nunha etapa na que temos que recoñecer o gran traballo
realizado polos concellos durante a pandemia”, afirma Baltar, quen sinala que a
planificación “é fundamental para estar en primeira liña para poder captar non
só os fondos Next Generation para la reactivación económica senón tamén outras
importantes partidas orzamentarias contempladas no plan plurianual da Unión
Europea”.
Manuel Baltar agradeceu a quen fixeron posible o
desenvolvemento desta estratexia de fondos europeos, “a todos aqueles que
propuxeron iniciativas dentro da corporación provincial, desde o grupo do BNG,
a Democracia Ourensana e á deputada non adscrita, que fixeron chegar as súas aportacións
e participaron en xuntanzas coa consultora e cos técnicos da casa, a quen tamén
agradezo moito, ao igual que ao deputado Jorge Pumar e ao persoal directivo da
Deputación”.
O “emprego verde” é un dos puntos fundamentais desta
estratexia. Forma parte dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda
2030, “un ámbito da sustentabilidade do que falábamos onde na presentación do
novo estudo do Observatorio Económico Ourensán, que reflicte que Ourense é a
provincia que lidera en Galicia o “emprego verde”, que ten moito que ver coa
economía circular e con algúns dos proxectos tractores que está previsto levar
a cabo, e xa son máis de 8.000 os postos de traballo vencellados á “economía
verde” na provincia de Ourense”, destaca Baltar, quen remarca que a Deputación
de Ourense “é a aliada dos concellos da provincia, e por iso lanzamos esta
estratexia e estamos preparados para, cando se abra esa posibilidade dos novos
fondos europeos, axudar en clave de provincia aos municipios a facer realidade
estes proxectos”.
Proxectos
Adolfo Neira, de Eosa Consultores, foi o encargado de
presentar os detalles dun documento que será a guía da Deputación de Ourense
para concorrer de modo máis coordinado e áxil á captación de financiamento
europeo, procedente tanto dos fondos Next Generation como do novo marco
financeiro plurianual 2021-2027. Esta planificación define sete eixos de
traballo con quince proxectos tractores e tres instrumentos de xestión para
afrontar o gran desafío da provincia: o envellecemento demográfico e o crecente
despoboamento de pobos e aldeas. O investimento previsto alcanza os 85,3
millóns de euros, aínda que tamén se establece un máximo de 143,8 millóns en
función das decisións que se adopten para o novo período de
financiamento.
Os eixos de traballo e os proxectos tractores son os
seguintes:
Provincia verde:
• Ourense senda verde, cunha rede de sendas
peonís que conectan localidades e de modo singular recursos termais. Orzamento:
un mínimo de 6 millóns de euros e un máximo de 12.
• Saneamento integral para o 100 % dos
núcleos de poboación e garantir no 2030 eficiencia das redes de abastecemento
rurais. 8 millóns de euros.
• Axencia provincial da sustentabilidade,
para asesorar aos concellos na captación de fondos para proxectos de eficiencia
enerxética en instalacións públicas, reducindo ata un 30 % o consumo no ano
2030. 2 millóns de euros achegados pola axencia e 20 millóns en recursos
captados.
Provincia Dixital:
• Ecosistemas de innovación rural, para
garantir o acceso a internet e á telexestión de infraestruturas e servizos
municipais en todos os municipios rurais de menos de 5.000 habitantes no 2030.
Proxecto piloto para A Baixa Limia: 6.850.000 euros
• HUB Dixital, coa creación de 11 comunidades
de emprendemento tecnolóxico en outras tantas zonas rurais que acheguen
solucións aos grandes retos do territorio. 5,5 / 11 millóns de euros.
• Concellos 365, para capacitar a máis de 500
empregados públicos municipais na administración dixital e que o 90 % das
entidades locais estean integradas nunha plataforma única de xestión. 3/5
millóns de euros.
Provincia en transición cara a unha
mobilidade sostible
• Transporte a demanda, con proxectos piloto
mediante taxis eléctricos ou híbridos, con reserva previa e tarifa plana e
única. 2/3 millóns de euros.
• Mobilidade turística sostible (mobilidade
eléctrica, aparcamentos disuasorios, autobuses lanzadeiras) a implantar en
catro espazos turísticos, iniciando o proxecto cun plan piloto na Ribeira
Sacra. 1/2 millóns de euros.
Provincia transformadora
• Ourense orgánico, incrementando un 10 % a
produción ecolóxica, con catro centros de transformación para o sector primario
e potenciando a comercialización en circuítos de proximidade. 2/4 millóns de
euros.
Provincia Destino Sostible
• Ourense turismo sostible, coa captación de
fondos para plans de sustentabilidade nos catro activos turísticos principais:
termal, natureza, patrimonio e viño. 3/9 millóns de euros.
• Gran hotel termal de Ourense, no Pazo
Provincial, cunha oferta turística baseada no aproveitamento do patrimonio
arquitectónico e os recursos termais. 25 millóns de euros de investimento no
hotel e 15 para a nova sede da Deputación.
Provincia coidadora
• Teleasistencia 360, cun sistema integral
que se adapte á demanda e ás necesidades das persoas e optimice a asistencia a
domicilio. 2/5 millóns de euros.
• HUB da economía do coidado aos maiores,
convertendo á provincia en referencia española no desenvolvemento tecnolóxico e
o emprendemento na atención ás persoas maiores. 3/5 millóns de euros.
• Unidade móbil provincial de igualdade,
poñendo a disposición dos pequenos municipios rurais os servizos e recursos da
Deputación en materia de igualdade. 1 millón de euros.
Provincia estratéxica
• Oficina de reto demográfico, co deseño e
execución de políticas que mitiguen o despoboamento e ofrezan atención e
asesoramento ao emigrante retornado a Ourense.
• Investimento Territorial Integrado de Ourense
(ITI) 2021-2027, como instrumento de planificación e execución dos
investimentos relacionados coa estratexia para o reto demográfico.