Durante unha xuntanza cos responsables en Galicia da plataforma de Imagen Personal Creer en Nosotros, na que estivo acompañado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, Feijóo mostroulle á plataforma o apoio do Goberno galego á petición de rebaixar un 10% o IVE para esta actividade económica, unha demanda do propio sector a nivel nacional e que a Xunta apoia por ser un sector especialmente castigado pola pandemia.
Ademais, o presidente da Xunta salientou que o Goberno galego comparte o criterio de permitir o acceso ás axudas a todo o tecido empresarial galego, como é o sector relacionado cos salóns de peiteado, barbería e estética. Así se fixo no primeiro e segundo plans de rescate, financiados con fondos propios da comunidade autónoma, nos que se atenderon 2.136 solicitudes de axudas procedentes do sector dos salóns de peiteado, case o 90% das recibidas, por un importe de 5,3 millóns de euros.
En canto ao terceiro plan de rescate, actualmente en prazo de presentación de solicitudes, a Xunta decidiu estender igualmente os apoios a todas as actividades económicas e non só á relación de CNAEs do real decreto estatal que regula ditas axudas, na que non aparecían os salóns de peiteado. O máximo responsable da Xunta de Galicia sinalou que as únicas condicións para recibir o diñeiro consisten en acreditar unha baixada de facturación en 2020 con respecto a 2019 do 40% ou máis, e presentar unha declaración responsable do cumprimento destes criterios.
Feijóo, ademais, apuntou que ata o próximo 14 de xullo aínda poden solicitarse as axudas do terceiro Plan de rescate, lembrando que a Administración autonómica está a axilizar e a simplificar o procedemento a pesares das cargas burocráticas impostas polo Estado no Real Decreto-Lei.
A Xunta -sinalou o presidente autonómico- está ao carón dos autónomos e empresas e o ten demostrado coa posta a disposición de 587 millóns de euros en tempo récord para axudarlles a manter a súa actividade económica fronte á pandemia.