viernes, 16 de julio de 2021

No 17º Congreso do PP de Galicia


Participo hoxe en Santiago de Compostela no 17º Congreso do PP de Galicia, integrado dentro da súa mesa.

Ao remate da sesión o candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou unha candidatura que ten dous únicos encargos para os próximos anos: preparar as Eleccións Municipais de 2023 e axudar a levar a Pablo Casado e ao Partido Popular á Moncloa.

 

Nese camiño por diante, destacou o papel de Miguel Tellado como secretario xeral, que tamén estará acompañado por seis vicesecretarías xerais, que recaen en Ánxeles Vázquez, Fabiola García, José Manuel Rey, Raquel Touriño, Olga Iglesias e Gabriel Alén, cuxo labor será multiplicar o traballo, chegar a todo o territorio e mellorar a coordinación do partido.

 

Tras dar a lista completa do seu novo Comité Executivo, Feijóo puxo en valor a ese equipo, sinalando que o mellor que ten o seu partido é a unidade e a forza de milleiros de persoas remando por un mesmo obxectivo: “Pídovos o voto para seguir traballando por Galicia”.


Agradezo a confianza depositada en min por Feijóo ao propoñerme para presidir o Comité de Dereitos e Garantías, responsabilidade que ostento dese 2006.

 

UN PP FORTE E GAÑADOR


Feijóo amosouse orgulloso de que, en tempos que para outros serían de profundo desgaste, con dúas crises económicas moi grandes e unha pandemia, os galegos, canto máis coñecen aos populares, máis lles votan.

 

Segundo explicou, non se presenta ao 17º Congreso autonómico polas catro maiorías absolutas que acadaron os populares galegos, porque en Galicia sigan mantendo un centro-dereita unido e maioritario, porque conseguiron manter ao socialismo, ao independentismo e ao populismo como forzas minoritarias, ou se pensase que todos os  obxectivos como partido están conseguidos, senón “porque temos un camiño por percorrer”.

Durante a súa intervención, resaltou que a razón de ser dunha formación política é mellorar a vida dos seus cidadáns, algo que só se pode conseguir desde as institucións. Por este motivo, insistiu en que un partido de Goberno como o seu debe aspirar a competir e a gañar en todos os concellos, a formar Executivos estables que dean certezas aos seus veciños.

 

“Quero un PP forte, gañador e con fame”, aseverou indicando que busca que nos 313 concellos haxa 313 candidatos dispostos a dalo todo polos seus veciños e sen dar un voto por perdido.

 

SER ÚTILES Á NOSA TERRA E Á NOSA XENTE


O candidato afirmou que forma parte dunha formación con xente que cre no servizo público e que en que a única maneira de estar en política é alí onde máis útil lle pode ser á súa terra e á súa xente. Nese senso, manifestou que os populares nunca serán un partido-moda, que non sobrevive ao seu fundador; un partido populista, que nace ao calor da indignación; nin un partido sectario, coma os nacionalistas, que lle prometen aos seus seguidores que coa independencia van chegar a un paraíso que non existe.

 

“Somos o Partido Popular de Galicia, o que escribiu as mellores páxinas da historia política desta Autonomía”, dixo lembrando que a organización naceu coa Constitución e co Estatuto, é europea e europeísta, ten 45 anos de historia e contan cunha boa organización xuvenil, cos mellores cadros a nivel local, autonómico e nacional e cos mellores mestres.

 

Como recalcou, esta mestura de empuxe, de formación, de preparación, de experiencia, de traballo e de paixón é un espello da sociedade galega e, froito desta realidade presenta a súa candidatura, na que ademais de xuventude, experiencia e perfís moi diferentes, hai dous denominadores comúns: a ilusión e a xenerosidade.

 

Así mesmo, Feijóo incidiu en que o 17º Congreso autonómico está centrado nas propostas para os galegos: “Nós estamos aquí para falar de Galicia”, salientou expresando que no Conclave do PPdeG non perde ninguén senón que gaña a nosa Comunidade.


https://www.20minutos.es/noticia/4767291/0/feijoo-ficha-a-comesana-para-una-direccion-con-dos-conselleiras-vicesecretarias-y-romay-de-presidente-de-honor/