Difundimos hoxe esta nota de prensa: "Os deputados populares pola provincia de Ourense, Celso Delgado e Ana Vázquez, dan conta da presentación hoxe no Congreso, de varias iniciativas parlamentarias para que RENFE e o “Ministerio de Transportes, Movilidad Y Agenda Urbana” ( MITMA) rectifiquen con urxencia as decisións que maltratan aos usuarios do ferrocarril da comarca de Valdeorras, do mesmo xeito que aos do Bierzo e de Terras de Lemos.
Reaccionan así ante a noticia coñecida de que a partir do próximo luns 19 de xullo o tren Rexional Exprés que sae ás 6:15 de Ponferrada que comunica de maneira directa con Vigo, incrementará o tempo de viaxe en nada menos que dúas horas e oito minutos. Tardará en cubrir o traxecto sete horas e vinte minutos fronte ás 5 horas e 12 minutos anteriores.
Esta monumental demora trasládase aos usuarios do tren das estacións do itinerario.
Así os viaxeiros que tomen o tren no Barco de Valdeorras, ás 6:58 chegarán a Vigo ás 13:35 investindo na viaxe nada menos que 6 horas e 37 minutos. Antes tardaban 4 horas e 29 minutos.
Os viaxeiros que se monten no tren na estación da Rúa-Petín ás 7:09 investirán na viaxe 6 horas e 26 minutos. Antes tardaban 4 horas e 18 minutos.
E os viaxeiros que tomen no tren en Monforte de Lemos, investirán en chegar a Vigo 5 horas e 20 minutos. Antes tardaban 3 horas e 21 minutos.
Os deputados móstranse escandalizados ante esta disparatada decisión de RENFE que obriga aos usuarios deste tren de media distancia a esperar durante dúas horas e media na estación de Ourense ata que o seu convoi continúe a viaxe. Indignante.
Por iso, hoxe mesmo os deputados ourensáns, en unión dos lucenses Joaquín Garcia Díez e Jaime de Olano, así como da deputada leonesa Carmen González Guinda rexistraron no Congreso dos Deputados a solicitude de comparecencia do Presidente de RENFE, Isaías Táboas Suarez para “informar sobre as medidas urxentes que adoptará para corrixir a arbitraria decisión de incrementar, en máis de dúas horas, o tempo de viaxe entre Ponferrada, Valdeorras e Monforte de Lemos coa cidade de Vigo, con evidente desprezo aos usuarios dunhas comarcas moi marxinadas por RENFE.”
Ademais rexistraran varias preguntas parlamentarias sobre o mesmo tema coa finalidade de que RENFE e o MITMA rectifquen esta inxusta decisión.
Ao mesmo tempo os deputados populares esixen aos alcaldes socialistas do Barco, Ponferrada e Monforte de Lemos que alzen a súa voz contra este novo atropelo de RENFE para cos veciños da súa comarca, que son maltratados continuamente pola operadora ferroviaria, que depende do Goberno de Pedro Sánchez.
CONTINUA DEGRADACIÓN DOS SERVIZOS FERROVIARIOS CONVENCIONAIS
Lembran ademáis os deputados as constantes
denuncias realizadas sobre a deterioración dos servizos ferroviarios na liña
Vigo- Porriño- Ribadavia-Ourense-Monforte-Quiroga-A Rúa- O Barco-Ponferrada.
Por esta liña circulan os trens máis antigos do parque móbil de Renfe, as
unidades 470 que realizan o servizo diúrno. De máis de 35 anos.
Existe un problema de falta de trens e de obsolescencia do material rodante o que provoca constantes avarías. Tamén hai falta de suficientes maquinistas o que provoca anulacións de trens, e carencias de persoal de mantemento de trens que poida atender con prontitude as incidencias que se producen. E teñen tamén denunciado un defectuoso mantemento da infraestrutura por parte de ADIF que se evidencia nas moi frecuentes caídas desde as trincheiras de árbores ou pedras sobre a vía e catenaria, fallos na electrificación, etc.
Tamén existen fallos nos protocolos de atención aos viaxeiros cando se producen incidencias. Os usuarios padecen constantes demoras, prodúcense anulacións de trens sen previo aviso. Engaden os deputados as queixas constantes sobre os fallos nos sistemas de información (paneis, megafonía) nas estacións de O Barco e ARúa, así como os problemas para os usuarios derivados da perda da venda presencial de billetes nas estacións.
En definitiva, está a prexudicarse gravemente aos usuarios do ferrocarril que esperan fiabilidade e calidade e atópanse co contrario, recortes, degradación do servizo e incerteza."