miércoles, 25 de agosto de 2021

A Xunta empraza ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a aclarar se autorizou a baixada do nivel dos encoros e a establecer niveis mínimos para evitar novos riscos

Difunde hoxe a Xunta unha nota de prensa dando conta da nova de que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Muíños e vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez; e coas alcaldesas de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e de Bande, Sandra Quintas, para abordar a situación dos encoros hidroeléctricos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Di: ”Vázquez Mourelle e os rexedores manifestaron a súa preocupación pola situación na que se atopan os encoros de  Portas e de Cenza, no caso de Vilariño de Conso; e o de Salas, en Muíños, de competencia estatal.

Sinalou que estes embalses rexistran valores moi por baixo do normal nestas épocas do ano, ao 13 e do 15% da súa capacidade, no caso de Cenza e Portas; tamén baixo no caso de Salas, cun nivel do 27%.

Detallou que é inusual que os encoros da conca Miño-Sil estean por debaixo da metade da súa capacidade, ao 45%, pois o pasado ano, por estas datas, tiñan un nivel de ocupación superior ao 70% e a media da última década está en algo máis do 67%.

Refiriese a outras presas de competencia estatal como Belesar ou Portas, que superaron en xuño o 55% e hoxe, tras un baleirado inxustificado, sitúanse por debaixo do 30% e no 15%, respectivamente.

Neste sentido, instou ao Goberno central a aclarar as circunstancias nas que se produciron eses baleirados, se se autorizou deixar os encoros por debaixo do 20% da súa capacidade e se foi así, con que xustificación.

Subliñou que o Ministerio debe revisar as normas de explotación nesas presas e concretar un nivel mínimo, acorde ao contexto de cambio climático para evitar riscos ambientais e para o abastecemento.

Neste sentido Ethel Vázquez sinalou que se bota en falta maior vixilancia por parte do Ministerio e da Confederación Hidrográfica nos encoros hidroeléctricos de responsabilidade estatal, así como explicacións especialmente aos alcaldes, aos que non se informou.  

Emprazou ao Ministerio e á Confederación a poñer, canto antes, os mecanismos de control e vixilancia oportunos para garantir que o aproveitamento enerxéticos destes encoros sexa compatible co abastecemento, co mantemento do caudal ecolóxico que garanta a preservación da biodiversidade, a pesca, regadíos ou as actividades turísticas programadas. Ademais demandou que se informe á Xunta das medidas que se adopten para paliar o baleirado desmesurado da auga encorada na conca estatal do Miño-Sil.

Encoros ao 66% na Demarcación Galicia-Costa.

Contrastou estes datos nas presas de responsabilidade estatal cos dos encoros hidroeléctricos de responsabilidade da Xunta, de Galicia Costa, que superan o 66% da súa capacidade, unha situación de normalidade e tranquilidade.

Explicou que para isto, a Xunta realiza un labor continuo de vixilancia sobre os embalses co obxectivo de garantir que o aproveitamento hidroeléctrico sexa compatible co abastecemento á poboación e coa preservación da biodiversidade e dos valores ambientais dos ríos.

Remarcou que Augas de Galicia vixía as normas de explotación, celebra con carácter periódico Comisións de Desaugamento e ten establecido un nivel mínimo do 20% nos encoros de Galicia-Costa, garantindo sempre o caudal ecolóxico.

Indicou que ese nivel mínimo só se pode traspasar en circunstancias moi puntuais e xustificadas e ten que haber antes autorizacións previas e con antelación suficiente.”

Coincide esta formulación co que puxen de manifesto en dúas recentes entradas do meu blogue dando conta da visita aos encoros de Vilariño de Conso e dapresentación de varias iniciativas .


http://www.celsodelgado.gal/2021/08/estos-dias-venimos-observando-con.html