viernes, 6 de agosto de 2021

Aprobado o teito de gasto non financeiro da Xunta para o exercicio 2022 por importe de 11.571 millóns de euros

 

O pasado martes o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou no Parlamento de Galicia o teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 que ascende a 11.571 millóns de euros, e que foi aprobado na Cámara autonómica.

Valeriano Martínez cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas. Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados do ano 2022 o nivel de riqueza precovid”, antes que a media de España.

O teito do vindeiro ano está conformado por 11.197 millóns de euros de recursos non financeiros. Dentro deles inclúense 417,3 millóns da parte que lle corresponde a Galicia dos recursos vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; 266,9 millóns dos recursos REACT-EU; e a transferencia de 211 millóns de euros da mensualidade do IVE de 2017 retida polo Goberno central desde 2019. A isto hai que engadir 415 millóns de euros correspondentes ao 0,6% de necesidade de financiamento, unha vez detraídos 41 millóns de axustes de contabilidade nacional.

Sentenza do IVE de 2017

Galicia manterá a súa capacidade máxima de gasto grazas a que no 2022, a comunidade galega recibirá a mensualidade do IVE correspondente a 2017 que o Goberno central tiña que ter transferido no ano 2019 en cumprimento do sistema de financiamento autonómico. O Tribunal Supremo recoñeceu no mes de maio o dereito de Galicia a ser compensada pola mensualidade do IVE de 2017 –máis os xuros de demora- que o Executivo central se negaba a ingresar. “Ponse desta maneira punto e final á reivindicación xusta de Galicia que o Goberno central tan só asumiu tras unha sentenza xudicial”, apuntou o conselleiro.

Neste sentido, Valeriano Martínez subliñou que Galicia “liderou en 2018 a reclamación xusta do IVE”, e Galicia “liderou tamén a solución”, para que estes recursos retidos polo Goberno se transfiran en 2022 a todas as comunidades, acudisen ou non aos tribunais.

Orzamentos 2022

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou tamén que “grazas á estabilidade política e institucional que temos” Galicia terá un ano máis, en 2022, orzamentos.

Valeriano Martínez sinalou que a Xunta traballa cada día para que a recuperación económica e do emprego sexa o máis rápida posible e por iso “queremos ser dilixentes porque os orzamentos son a principal ferramenta para poder superar a pandemia e seguir reactivando a economía”, apuntou.