viernes, 27 de agosto de 2021

Galicia iniciará o novo curso con todas as medidas de seguridade necesarias e máis certezas, grazas á vacinación e á experiencia do ano académico pasado


Da actualidade política desta semana saliento a participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, en Madrid na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Educación e FP para abordar o protocolo do curso que está a piques de comezar.

Nunha nota de prensa informan que "á súa saída do encontro, o representante da Xunta destacou que Galicia está preparada e iniciará o novo curso con todas as medidas de seguridade necesarias e máis certezas, grazas á vacinación e á experiencia adquirida no pasado ano académico 2020/21. Fixo fincapé, así mesmo, en que estamos nun escenario completamente diferente ao de setembro do ano pasado, dado que o alumnado maior de 12 anos en Galicia terá a pauta completa na semana do 13 ao 19 de setembro, coincidindo co inicio de curso e tamén está vacinado o profesorado. Neste sentido, destacou que a campaña de vacinación dos rapaces iniciouse con moito éxito, cunha resposta masiva por parte do alumnado.

Tamén propuxo que, sen baixar a garda en ningún momento, as medidas se vaian revisando durante en curso en base ao nivel de vacinación e á evolución sanitaria, o que permitirá introducir progresivamente cambios en cuestións como por exemplo a mobilidade nos centros, actividades e extraescolares ou saídas.

De feito, o total de membros afectados pola covid ao longo do curso 20-21 foi dun 3,7% do total dos integrantes da comunidade educativa, por debaixo do conxunto da poboación galega. Ademais, preto do 90% dos casos positivos rexistrados xa se atopaban en situación de corentena preventiva no momento de seren diagnosticados, o que reflicte que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto.

Román Rodríguez lamentou, unha vez máis, a falta de compromiso do Ministerio de Educación e FP, que non transfire fondos para que as CCAA fagan fronte aos sobrecustos que a pandemia supón no relativo á adquisición de material (máscaras, xel...), o reforzo da limpeza ou a contratación de profesorado, entre outros. Tal e como fixeron tamén todas as comunidades, insistiu en que os fondos europeos previstos non responde ás necesidades inmediatas do sistema.

Recuperar espazos como bibliotecas

Galicia cumpriu xa o ano pasado co obxectivo de acadar a presencialidade nas aulas, reto que se propoñen este ano o Ministerio e a maioría das comunidades autónomas, que non puideron conseguilo no curso 2020/21. En calquera caso, e dado que a distancia en Secundaria se reduce a 1,2 metros segundo o marcado polo Goberno Central, o conselleiro confiou en que se poidan recuperar moitos dos espazos –como bibliotecas ou salas de usos múltiples– que foron empregados o ano pasado para que todo o alumnado puidese asistir a clase de xeito presencial. “O obxectivo é recuperar a maior normalidade posible de xeito progresivo na vida dos centros e da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro

Debate serio e sen contradicións

Román Rodríguez explicou que Galicia traballa con evidencias, coñecemento e investigación, sempre en coordinación e co aval das autoridades sanitarias e do Comité Clínico. Engadiu, ademais, que este novo curso se vai seguir mantendo en funcionamento o Comité Educativo, formado por membros e expertos da comunidade escolar, que avalía e toma decisións sobre os principais asuntos en materia de ensino no marco da pandemia.

Así as cousas, no transcurso da reunión o conselleiro incidiu na necesidade de que os protocolos e as medidas de seguridade sanitarias e a súa evolución ao longo do curso escolar se aborden no marco dun debate serio sempre en diálogo constante coas CCAA.

As mellores ratios de España

A este respecto, chamou a non caer en mensaxes contraditorios arredor de cuestións como as distancias de seguridade e as ratios, lembrando que as ratios nas aulas están fixadas polo Goberno central e non cambiaron nin coa pandemia nin coa nova lei educativa recentemente aprobada. Ademais, matizou que en Primaria as medidas se manteñen sen cambios respecto do curso pasado a través dos grupos burbulla.

Como apuntou, Galicia ten, xunto con Estremadura, a mellor ratio alumno/profesor de España con Estremadura (9,2 fronte á media estatal de 11,3) e o 70% das aulas de Infantil e Primaria galegas está por debaixo de 20 alumnos.