martes, 24 de agosto de 2021

Galicia rematou 2020, cun saldo migratorio positivo. Entraron 14.616 persoas máis que as que se marcharon


Leo hoxe o documento “Indicadores migratorios” do Instituto Galego de Estatística (IGE ) que toman como espazo territorial de referencia a comunidade autónoma de Galicia.

Consideran movemento migratorio interior aquel que teña orixe e destino un concello galego, e movemento migratorio exterior todo movemento que teña como orixe ou destino o resto de España ou o estranxeiro. 

Indica o IGE que unha migración prodúcese cando unha persoa establece a súa residencia habitual nun territorio, tendo anteriormente a súa residencia noutra demarcación xeográfica distinta. Os datos presentados polo IGE nesta edición son os primeiros que recollen o efecto da pandemia do covid-19, pois inclúen a información relativa ao ano 2020. 

Reseño os máis relevantes:

Saldos migratorios

O saldo migratorio (diferenza entre as entradas e as saídas) de Galicia en 2020 presenta un valor positivo de 14.616 persoas, un 17,6% inferior ao rexistrado en 2019.

O saldo migratorio total por cada 1000 habitantes aumentou nas provincias orientais e diminuíu nas occidentais no ano 2020.

Os concellos galegos que en 2020 presentaron maior saldo migratorio interior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe e destino en Galicia) foron Oleiros (+321) e Valdoviño (+306), e os de menor saldo interior en 2020 foron Vigo (–1.997) e A Coruña (–1.885).

Os concellos que presentaron maior saldo migratorio exterior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe ou destino fóra de Galicia) en 2020 foron Vigo (+1.621) e A Coruña (+1.110); os que rexistraron menor saldo exterior foron en 2020 O Porriño (–57) e Celanova (–19).

Taxas de emigración/inmigración

Desde 2016 a taxa de inmigración (calculada como as inmigracións por cada 1000 habitantes) supera á taxa de emigración (emigracións por cada 1000 habitantes) en Galicia, tomando no ano 2020 os valores de 7,8 saídas por cada 1000 habitantes e 13,2 entradas por cada mil habitantes.

Idades medias

A análise das idades medias das persoas que entran e saen de Galicia reflicte que desde o ano 2017 o proceso migratorio está a favorecer o rexuvenecemento da poboación galega; as idades promedio das persoas que chegan a Galicia é inferior á das que saen. Durante o ano 2020 as persoas que chegaron a Galicia para fixar a súa residencia tiñan unha idade media de 36,9 anos (40,1 anos os españois e 32,8 anos os estranxeiros), e as persoas que marcharon de Galicia unha idade de 37,3 anos (38,1 anos os españois e 35,6 anos os estranxeiros).

Segundo o xénero das persoas migrantes, tanto os homes que chegaron a Galicia como os que marcharon de Galicia en 2020 tiñan de media 37,0 anos. No caso das mulleres, as que chegaron tiñan en promedio 36,8 anos e as que marcharon 37,5 anos.