Onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel
Alén, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na
presentación dos novos 16 autobuses que se empregarán no servizo de transporte
público da Xunta na comarca de Ourense, a través da UTE Minho Bus-Gavilanes, e
que estarán funcionando para o inicio do curso escolar.
Remarcou que estes vehículos, a maioría deles adquiridos
a un distribuidor ourensán, UNVI, son máis modernos, eficientes e accesibles, ao
dispor dunha rampla e plataforma para favorecer os desprazamentos das persoas
con mobilidade reducida, ademais de suspensión pneumática para baixar o autobús
ao nivel mínimo.
Subliñou que tamén son autobuses cunha menor pegada
ambiental, con características e potencia que minimizan consumo e emisións.
Aposta polo transporte público
Fixo fincapé na aposta da Xunta polo transporte público,
que se traduce na mellora de infraestruturas como a nova estación de autobuses
da intermodal de Ourense, e dos servizos, coa implantación do Plan de
Transporte Público de Galicia.
O Goberno galego puxo en marcha novas modalidades de
transporte, como o autobús compartido, que aproveita as prazas baleiras do
transporte escolar, e os servizos baixo demanda, que permitiron levar o autobús
a onde antes non chegaba.
Ethel Vázquez remarcou que a Xunta renovou máis de 3.300
liñas de autobús que hoxe percorren 60 millóns de quilómetros ao ano, para o
que é preciso un investimento autonómico anual de 80 millóns de euros.
Lembrou que no caso concreto de Ourense e a súa contorna,
o Plan de Transporte Público de Galicia permitiu incrementar os servizos que se
viñan prestando, tanto en días laborables como nas fins de semana.
Ademais, apuntou que agora existen mellores conexións co
hospital, cos equipamentos sociais e culturais ou cos polígonos
industriais. Así, a Xunta reforzou a
mediados de xuño o transporte público entre Ourense e o polígono de San Cibrao
e o de Barreiros, con novas frecuencias e paradas.
Concretou que o contrato actual de Ourense e contorna
conta con 75 rutas e 480 paradas para dar servizo a 20 concellos de Ourense e
contorna. De xeito máis detallado, préstanse máis de 220 servizos de autobús
entre semana, en días laborables, e máis de 70 nas fins de semana.
Destacou que o impulso da Xunta polo transporte público
tamén se traduciu en mellores tarifas e aforros para as familias, achegando o
transporte público gratuíto para os menores de 21 anos de toda Galicia,
empregando a tarxeta Xente Nova.
Salientou que a día de hoxe, 4.064 mozos da provincia viaxan de balde por toda Galicia nalgunha das 3.300 liñas de transporte público en autobús da Xunta, e deles, 2.700 mozos da comarca de Ourense.
Puxo como exemplo a unha familia dun rapaz de Ourense que
se despraza todos os días a estudar a Santiago, pois aforra 2.700 euros ao ano
no transporte da Xunta, nos 9 meses de curso, empregando a Xente Nova. No caso
de que ese rapaz se desprace desde Verín todos os días para estudar en Ourense,
o aforro é de case 1.800 euros ao ano.
A tarxeta Xente Nova está operativa na provincia de
Ourense desde o pasado xuño, pero desde o 21 de maio estendeuse aos 313
concellos de Galicia. Neste sentido, a conselleira indicou que a extensión da
cobertura territorial supuxo un incremento na distribución de dispositivos, xa
que desde maio se entregaron 1.150 na provincia.