Onte o responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aprobación da nova Estratexia de internacionalización de Galicia para o período 21-25 que, a través da aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados, facilitará a saída ao exterior do tecido empresarial.
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que o obxectivo marcado para 2025 é que se acaden as 8.000 empresas exportadoras e chegar aos 25.000 M€ anuais en exportacións. Así mesmo, sinalou a intención de incrementar a presenza galega en países de fóra da UE, multiplicando por tres as exportacións a América do Norte, duplicando as vendas a América do Sur e Asia e incrementando un 25% as exportacións a Reino Unido.
Segundo explicou, a estratexia contempla como primeiro paso un plan inicial de acción para o período 21-23, que suma 70 M€ para impulsar a recuperación do tecido empresarial galego tras a crise da covid.
Máis polo miúdo, Feijóo resaltou que o programa se sustentará sobre 4 piares: a innovación, a captación de talento, o acompañamento nos mercados de destino e a difusión de casos de éxito.
En canto á innovación, dixo, reforzarase o traballo feito ata agora a través das antenas do Igape, coa apertura de novas antenas en Dubai e Toquio e a posibilidade de facelo no Brasil e Corea do Sur a partir de 2023. Tamén coa activación do programa Emprende Global para fomentar a participación en feiras e encontros internacionais.
No tocante ao segundo eixe, Feijóo subliñou que se destinarán 9 M€ para continuar coas liñas destinadas aos bolseiros e aos xestores de internacionalización.
En referencia ao acompañamento nos mercados, destacou que a previsión é superar os 10 M€ de investimentos ata 2023, o que permitirá continuar coas liñas Galicia Exporta e cos programas desenvolvidos en colaboracións coas Cámaras de Comercio.
E, por último, porase en marcha como cuarto piar, o programa Igape Contigo, que informará sobre a propia estratexia e dará a coñecer casos de éxito, ademais de escoitar as necesidades que trasladen as empresas.
O presidente da Xunta rematou a súa intervención valorando os bos datos de exportación, que no primeiro semestre deste ano acadaron un crecemento do 31% con respecto ao mesmo período de 2020 e do 8% con respecto ao mesmo período 2019. “De seguir así pechariamos 2021 por riba dos 20.000 M€ de exportación”, abundou.