martes, 21 de septiembre de 2021

O PPdeG defenderá que o traspaso da AP-9 veña acompañado dos recursos necesarios para que a autoestrada funcione de forma efectiva

 

Hoxe no Congreso dos Deputados tivemos unha xuntanza de constitución da ponencia da Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galicia, no marco da Comisión de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana.

Difundimos desde o PP de G esta nota de prensa:

“O deputado do PPdeG Celso Delgado asegurou que os populares galegos defenderán que o traspaso da AP-9 á Comunidade veña acompañado dos recursos necesarios para que esta funcione de forma efectiva. Así se expresaba tras constituírse no Congreso -por iniciativa do GPP- a ponencia da Proposición de Lei Orgánica (PLO) de transferencia da titularidade e competencias desta autoestrada a Galicia, na que están como relatores Jaime de Olano e o propio Delgado.

“Debemos evitar que o traspaso se converta nunha carga económica para a Administración galega e que o Executivo autonómico teña que asumir cuestións como o custo das bonificacións ou o financiamento das obras necesarias, na súa maior parte programadas e comprometidas desde hai anos”, manifestou.

Nese senso, o deputado aclarou que aceptar iso equivalería a condenarnos a pagar dúas veces a autoestrada, pola vía das peaxes e pola dos recursos públicos: “As nosas emendas van encamiñadas a preservar e defender, por riba de todo, os lexítimos intereses dos galegos”.

Delgado tamén lembrou que foi o pasado 16 de xuño cando rexistraron as emendas a esta PLO, que busca garantir unha óptima xestión da infraestrutura tanto no presente como nos anos futuros, e que funcione de forma efectiva como un factor de vertebración territorial, de calidade de vida e competitividade económica.

Así mesmo, incidiu en que a transferencia debe incluír os recursos necesarios para manter durante todo o período concesional un sistema de bonificacións que contribúa a paliar o impacto das peaxes nos usuarios e a reducir o agravio que sofre Galicia en relación co resto do territorio español, no que estas están a ser progresivamente liberadas. “Isto é máis necesario tendo en conta o carácter periférico do territorio galego”, salientou.

“Consideramos que as emendas presentadas polo GPP son xustas, equitativas -atendendo ás situacións que se dan noutras zonas- e tamén asumibles”, resaltou.

A POSICIÓN DO PSOE

Pola contra, Delgado indicou que o Grupo Parlamentario Socialista presentou emendas á PLO que acreditan que está en contra de que a AP-9 sexa unha infraestrutura de titularidade galega.

 

Deste modo, lamentou que “os de Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero aposten por desactivar a transferencia e limitala a un traspaso unicamente da responsabilidade da administración e explotación da autoestrada, sen ningunha capacidade de xestión”. “Pretenden que a titularidade quede en mans da Administración Xeral do Estado, como ata agora”, explicou.

 

Como resaltou o deputado do PPdeG, o que pretenden os socialistas non é o obxectivo da Proposición de lei que chegou ao Congreso co apoio unánime de todos os partidos do Parlamento: “Os galegos queremos unha AP-9 plenamente galega sobre a que decidamos desde o territorio. As bonificacións aprobadas en xullo son plenamente compatibles coa transferencia da titularidade”.

 

O DESINTERESE DO BNG


Pola súa parte, amosouse sorprendido de que o BNG non presentase emendas, renunciando a mellorar o texto aprobado no Parlamento galego: “Agardamos que finalmente no Congreso responda ao interese xeral de Galicia e apoie tamén as emendas do GPP, que permiten blindar na lei que a transferencia se traduza nunha xestión da autoestrada máis xusta. Non se entendería que respaldase os posicionamentos restritivos dos socialistas”.