Durante a entrega dos títulos de 2020 e 2021, Feijóo salientou que as casas niño levan cinco anos xerando oportunidades de conciliación coa creación de centros arraigados nos núcleos de poboación máis pequenos, cun horario flexible e cunha atención personalizada, ademais de gratuíta. “E todo isto foi posible grazas a un investimento de máis de 8,5 millóns de euros e á creación de 450 prazas de atención á primeira infancia en 90 centros”, recordou, subliñando que para seguir afondando neste servizo, a Xunta estudará a posibilidade de elevar a contía para o funcionamento de cada casa niño.
Así mesmo, resaltou que esta iniciativa contribúe ao equilibrio territorial, “a que todos os galegos, vivan onde vivan, dispoñan duns servizos públicos equivalentes”, sumándose a outras medidas como as rebaixas fiscais para transmisións de terras ou ao Servizo de Axuda no Fogar, que chega a 24.000 galegos maiores en todos os recunchos da Comunidade.
“E con este programa apoiamos ás familias que deciden ter fillos, do mesmo xeito que fixemos coas máis de 70.000 Tarxetas Benvida para apoiar a crianza do bebé con entre 1.200 e 2.400 euros ao ano; coa gratuidade de todas as escolas infantís de Galicia para os segundos fillos e sucesivos; e coa aprobación da primeira lei de impulso demográfico de España”, concluíu.
Galicia xa conta con casas niño no 75% concellos con menos de 5.000 habitantes que carecen doutros recursos de conciliaciones .
A casa niño, como prescribe a regulación da Xunta, debe ofrecer unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
Quero lembrar o gran traballo da anterior directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, que foi a impulsora destas casas niño, dentro da política da Consellería de Política Social, dirixida por José Manuel Rey Varela, para apoiar aos pais e nais con fillos que residen en concellos de ámbito rural.
Tratando de fixar e atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. E de apoiar o autoemprego, dinamizando a economía local.
Compre seguir traballando no que dicía a directora xeral: "as casas niño responden ao compromiso de facer que Galicia sexa un mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno".