Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, a necesidade de aportar solucións á crise industrial e apostar por proxectos que modernicen a economía e consoliden o emprego.
Durante a xuntanza, Feijóo referiuse deste xeito a
distintos asuntos clave para a Comunidade, como a distribución dos fondos Next
Generation, a dixitalización, a inclusión financeira ou a prolongación das
deducións fiscais do Xacobeo ata 2023.
Nun primeiro termo, o titular da Xunta incidiu na
necesidade de que se dean a coñecer os criterios de reparto dos fondos.
“Trasladeille o interese de Galicia de poder competir co resto dos proxectos
que se presenten e, por iso, a cogobernanza e o coñecemento das condicións e
criterios de elixibilidade son cuestións moi importantes”, abundou.
Nesta liña, valorou o compromiso da vicepresidenta
primeira de avaliar os proxectos prioritarios para Galicia, relacionados co
ámbito forestal, agroalimentario, da automoción, co sector aeronáutico e coa
sanidade no eido tecnolóxico; así como a necesidade de que o naval conte co seu
propio PERTE.
No contexto da crise industrial que atravesa Galicia, Feijóo
reiterou a preocupación polos 16.000 postos de traballo en perigo en sectores
clave como o electrointensivo, o enerxético, o forestal ou a cadea
mar-industria, afectando especialmente á comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.
Por outra banda, e no eido da dixitalización, Feijóo
salientou que a conectividade e os obxectivos da banda ancha son esenciais para
o progreso de Galicia. “E con este fin solicitamos que se establezan obrigas de
cobertura por comunidades autónomas tanto na rede fixa como na móbil; así como
cobertura fóra de núcleos de poboación, en especial en zonas de importante
tránsito de persoas”, precisou.
Sobre os problemas cos caixeiros no rural, solicitou á
vicepresidenta primeira que o Goberno, xunto co Banco de España e a CNMC,
active un marco normativo común para regular a prestación universal destes
servizos.
Finalmente, o presidente da Xunta aproveitou o
encontro para incidir na oportunidade económica que supón para Galicia e España
un Ano Santo bienal e, neste senso, plantexou a posibilidade de ampliar ata o
31 de decembro de 2023 o prazo para aplicar as desgravacións fiscais aos
patrocinadores do Xacobeo.