martes, 5 de octubre de 2021

Co fin da campaña de verán, medra o paro rexistrado en Galicia e en Ourense

 

O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) difunde hoxe os datos oficiais de paro rexistrado correspondentes ao mes de setembro de 2021.

Son os seguintes:

Galicia:

Medra o paro en 1.790 persoas (1,18 %), quedando situado en 153.054  persoas  É un feito habitual que o desemprego aumente en Galicia no mes de setembro co fin da campaña de verán.  

O único sector económico no que aumentou o desemprego con respecto a agosto foi o dos servizos cunha subida do 1,86%. Pola contra, o paro baixou na construción (-1,49%), no sector primario (-1,12%) e na industria (-0,98%).  Setembro é o único mes de todo o ano no que o desemprego subiu en Galicia,  e compre lembrar que no transcurso deste ano descendeu o paro ao longo de 8 meses consecutivos.

Con respecto aos datos do paro na evolución anual, a baixada do desemprego foi do -13,32% (-23.520 persoas), a maior caída de toda a serie histórica de datos (1996) nun mes de setembro, recuperando as cifras de desemprego anteriores ao comezo da pandemia. O paro, ademais, sitúase a un nivel inferior ao reflectido en setembro de 2008, ao inicio da crise económica hai 13 anos.

O desemprego descende nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a caída o sector primario (-19,63%) seguido da construción (-18,71%). A cifra de mulleres desempregadas é, ademais, a máis baixa nun setembro desde 2007 e a de menores de 30 anos a menor de toda a serie histórica (maio 2005). O paro tamén descende nos parados de longa duración.

Con respecto á comparativa co Estado, a baixada rexistrada en Galicia (-13,32%) mantense na media de caída rexistrada no Estado (-13,73%).

Ourense:

Medra  o paro rexistrado en setembro en relación co mes anterior en 194  persoas, un 1,11 %.

O número de parados queda en 17.607 deles 7.188 son homes e 10.419 mulleres, 16.774 son maiores de 25 anos e 833 menores.

Por sectores, 815 son da agricultura, 1.959 da industria, 1.258 da construción, 12.018 dos servizos e 1.557 do colectivo sen emprego anterior.

A nivel interanual, isto é, con respecto a setembro do ano pasado, 2.102 persoas sairon en Ourense das listas do paro, o que supón un descenso do desemprego do 10,67 %