Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou trala reunión do Consello Extraordinario da Xunta os Orzamentos de 2022, os máis altos da historia, dixo, para pasar á reactivación e á recuperación, cos maiores recursos para o gasto social e o emprego e con novas rebaixas fiscais.
Logo de incidir en que estes Orzamentos se aproban “en tempo e forma” para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2022, Feijóo aseverou que “aprobamos hoxe unhas contas que se porán ao servizo dunha nova fase económica marcada pola superación da crise sanitaria e coa intención de pasar da reactivación á recuperación: co maior orzamento da historia, cun reforzo sen precedentes no gasto social e no investimento produtivo, cun menor gasto en xuros e cunha nova baixada de impostos”. E salientou que estes orzamentos reflicten e consolidan o modelo que Galicia vén aplicando nos últimos anos, baseado en máis investimento, menos débeda e menos impostos.
Deste xeito, a Comunidade disporá de 11.627 millóns de euros para consolidar a recuperación económica, superar os niveis de riqueza prepandemia e atender as necesidades das familias e dos sectores produtivos.
No tocante ao menor gasto en xuros, Feijóo subliñou que a Administración autonómica dedicará tan só 74 millóns de euros aos xuros da débeda, un feito que é posible grazas a que Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda desde 2008. “O presuposto manexa un crecemento san que se acredita no menor gasto en xuros da débeda pública”, salientou.
Máis polo miúdo precisou que o único capítulo de gasto que baixa de novo é o de xuros de débeda: máis dun 25% en comparación co exercicio vixente.
Así mesmo, destacou que os gastos de persoal chegarán aos 4.327 para dar soporte á suba do 2% dos empregados públicos e a todos os acordos asinados cos representantes dos traballadores; “e manteremos un control de gasto corrente, que medra tres veces menos que os gastos de capital”, engadiu.
Por outra banda, e segundo explicou o presidente da Xunta, este control permite tamén seguir facendo o maior esforzo investidor posible, de xeito que se para os orzamentos vixentes se aumentaron un 53% os gastos de capital -sobrepasando a cifra récord de 2.500 millóns de euros-, para o vindeiro ano vólvese superar esta cifra, o que supón máis de 5.000 millóns de euros en dous anos.
Sobre o reforzo do gasto social, Feijóo salientou que este disporá de 8.660 millóns, é dicir, 610 millóns máis que este ao, reforzándose a Sanidade con 269 millóns, a Educación con 179 millóns, as Políticas Sociais con 126 millóns e o Emprego con 37 millóns de euros. “En definitiva, de cada 10 euros do orzamento, máis de 7 se aplican a financiar o incremento do gasto social”, afirmou, a modo de resumo.
Por último, e na liña do comprometido, Feijóo avanzou a aprobación dun paquete de medidas fiscais para baixar de novo os impostos. Así, rebaixarase de novo a tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas, para beneficiar a máis do 90% dos contribuíntes; no Imposto de Transmisión Patrimoniais, rebaixarase un punto -do 10 ao 9%- o tipo xeral, e manteranse os tipos reducidos para os colectivos prioritarios -mozos, familias numerosas, persoas con discapacidade e vítimas de violencia de xénero-, así como o programa de Impostos 0 no rural.
En relación ao Imposto de Patrimonio, Feijóo destacou unha bonificación dun 25% da cota, co obxectivo de que este tributo siga baixando de forma progresiva se a situación económica continúa a mellorar. E, no Imposto de sucesións, manteranse as rebaixas para que Galicia siga entre as autonomías con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns.
“En definitiva, aprobamos uns orzamentos para 2022 que son os máis altos da historia, que non hipotecan o futuro, que garanten como nunca os servizos públicos e que non entorpecen a recuperación das familias, senón que, dalgún xeito, axudan a pagar o incremento de impostos que neste momento están soportando rebaixando os impostos que dependen da Comunidade”, concluíu.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos fixo fincapé en que son unhas contas que apoian ás familias e aos sectores económicos, que baixan os impostos, reforzan o investimento produtivo, inclúen máis dotacións ca nunca para gasto social, controlan a débeda co menor gasto en xuros, modernizan os servizos públicos, e blindan as infraestruturas sanitarias, para superar os niveis de riqueza prepandemia e volver á senda do crecemento san, en definitiva “uns orzamentos para pasar da reactivación á recuperación económica”, sinalou.
Logo da aprobación do proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022 polo Consello da Xunta, entregaranse ao Parlamento para a súa tramitación.