lunes, 11 de octubre de 2021

Na véspera do Debate de Política Xeral 2021 no Parlamento de Galicia

 

O próximo mercores terá lugar no Parlamento de Galicia o Debate de Política Xeral 2021, máis coñecido como o Debate sobre o Estado da Autonomía.

Comezará coa intervención do presidente da Xunta, e logo haberá unha suspensión ata as 16:00 na que intervirán os Grupos parlamentarios: Socialistas de Galicia,  Bloque Nacionalista Galego e Popular de Galicia. Serán respondidos polo presidente da Xunta e haberá réplica e contrarréplica.

O debate concluirá o venres co debate e votación das propostas de resolución que sexan presentadas.

O portavoz popular, Pedro Puy avanzou hoxe que  “imos ao Debate sobre o Estado da Autonomía cunha actitude de diálogo e de aceptar propostas para preparar un futuro mellor”.

Así mesmo, contrapuxo “un Goberno galego estable, cos pes no chan e que está a actuar con realismo, fronte a uns grupos da oposición que se atopan nunha etapa de autodefinición en todos os sentidos, tanto a nivel ideolóxico como programático”.

Pedro Puy comezou a súa comparecencia en rolda de prensa cun recordo para o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, falecido a semana pasada. “Quero expresar o cariño e a proximidade de todo o grupo parlamentario con toda a súa familia e amigos”, manifestou, para asegurar que “botaremos moito de menos a Valeriano, que estaba a xogar un papel fundamental na Xunta e, ata hai pouco, no Grupo Parlamentario Popular”.

O portavoz popular enmarcou o Debate sobre o Estado da Autonomía “na normalidade democrática” que se vive en Galicia, en contraposición cos sete anos que pasaron desde o último Debate sobre o Estado da Nación nas Cortes Xerais. “É importante facer un balance de como estamos, porque Galicia está a superar a pandemia sanitaria cunha incidencia moito menor e nunha mellor posición para centrarnos no futuro”, apuntou.

Porén, a pesar de que a incidencia da Covid-19 en Galicia está baixando, Puy lembrou que “os seus efectos económicos e sociais persisten entre nós” e avogou por “aproveitar os fondos europeos para acelerar os cambios e reformas necesarias para que Galicia poida seguir contando o seu devir como de éxito e progreso”.

Cuestionado sobre os posibles acordos que se poidan producir cos grupos da oposición, Pedro Puy adiantou que “intentaremos entendernos” con BNG e PSdeG porque “cando hai argumentos e acordos o país avanza mellor, pero as circunstancias políticas e os antecedentes fan pensar que vai ser complicado acadar consensos”.

Sinto moito non poder seguir este Debate no propio Parlamento de Galicia debido a que temos ese mesmo día en Madrid, Pleno do Congreso e entrará ademais o proxecto de lei de PGE para 2022.