Foron
aprobadas un total de 26 medidas para a dinamización socioeconómica de Ourense,
dez delas a iniciativa do presidente provincial, Manuel Baltar, outras dez a
proposta do grupo popular e tamén asinadas polo deputado de Democracia
Ourensana, Armando Ojea, e a deputada non adscrita, Monserrat Lama, e seis do
BNG. Un paquete de iniciativas que "falan da utilidade deste debate e
contribúen a marcar xuntos o camiño, facendo política que se escribe con
"p" de pacto e co consenso que se precisa para construír
provincia", dixo o presidente da Deputación.
No seu discurso, Manuel Baltar repasou
a evolución socioeconómica da provincia a través dos datos do último informe do
Observatorio Económico Ourensán, "unha ferramenta de traballo óptima para
acertar nas decisións públicas -dixo- e que amosa como as apostas e enfoques
que formulamos eran acertados", destacando que Ourense se sitúa en mellor
lugar nas comparativas con Galicia, como evolucionan a mellor os colectivos
sociais de interese ou a confianza en encontrar emprego.
Nesta liña subliñou a consecución de
dous importantes obxectivos: subir dos 116.000 ocupados e baixar do 12 % de
paro, ao que engadiu "o mellor mes turístico da historia de Ourense,
agosto, tanto en visitas como en pernoitas, a pesar da situación de
pospandemia". Un eixo estratéxico que "a nosa condición de Destino
Turístico Intelixente e o noso traballo en redes nacionais e internacionais van
potenciar nos próximos tempos".
Singularidade da economía ourensá
Afirmou que os datos do presente ano
"reforzan a nosa convicción da singularidade da economía ourensá, así como
a idea defendida desde esta presidencia de que as baixas densidades de
poboación non están rifadas co crecemento e a prosperidade", idea que,
lembrou, xa expuxo no debate de 2019 cando daquela asegurou que "a estrutura
da provincia nos dota dunha maior capacidade de resistencia ante crises
profundas e bruscas".
Manuel Baltar centrou a súa
intervención nalgúns dos aspectos que recolle o informe do Observatorio
Económico e que permiten actualizar a "foto" da provincia, como eses
117.600 ocupados que reflicte a EPA do terceiro trimestre, o maior número en
dez anos, "o que sitúa a Ourense cunha taxa de ocupación do 90,18 %,
superando por primeira vez a barreira do 90 %, porcentaxe aínda non superada
para o conxunto de Galicia".
"Uns datos que para comprender a
súa dimensión é preciso comparar co resto de Galicia", advertiu, sinalando
que o crecemento da ocupación ourensá respecto da situación prepandemia de 2019
foi do 5,9 %, multiplicando case por tres o incremento na provincia de Lugo (2
%) e por 6 en Pontevedra (1 %), sen que A Coruña fose quen de recuperar os
niveis de ocupación cunha redución do 1,3 %.
Referiuse á positiva evolución do
desemprego, que no último trimestre diminuíu nun 23,9 % en comparación co mesmo
período de 2019, baixando ademais en dez das doce comarcas. Máis do dobre que o
descenso en Galicia (11,7 %) e sen comparación posible co conxunto de España,
onde medrou un 13,7 %. Quere isto dicir, apuntou, que "o dinamismo da nosa
economía conseguiu que unha de cada catro persoas que se atopaban en situación
de desemprego no terceiro trimestre de 2019, antes da pandemia, hoxe estean
traballando".
Unha positiva evolución, chamou a
atención, da que tamén se beneficia a taxa de emprego feminina (89,6 %),
"a maior cifra trimestral do último decenio, pero que nos lembra a
necesidade de seguir traballando para igualala á taxa masculina, que é de algo
máis dun punto". Ademais, outro grupo beneficiado é a xente máis nova,
onde a taxa de activos sobre a poboación de entre 16 e 29 anos e a taxa de
ocupados sobre activos ofrece as mellores porcentaxes dos últimos dez anos por
encima do 51 % e do 81 %, "ambas porcentaxes superiores ás do resto de
provincias galegas".
Mellora da ocupación na poboación máis
desfavorecida
Con todo, para Manuel Baltar o dato
máis relevante é a mellora da ocupación na poboación máis desfavorecida cun
descenso no número de fogares sen ingresos, "2.900 que seguirán sendo unha
prioridade para esta Deputación", con respecto aos dous últimos anos, mesmo
por baixo da media galega. Como tamén diminúe ata o 6,5 % os fogares nos que as
persoas activas están paradas, "descenso que non satisface a esta
presidencia e que aínda se atopa lixeiramente por encima da media galega".
Xunto con estes datos apuntou que a
mellora da actividade e do crecemento económico "intensifícase en sectores
prioritarios para nós, onde somos especialmente competitivos e temos focalizada
a atención desta Deputación, como son a economía verde (cunha ocupación un 70 %
superior á de hai dous anos) e o sector agroalimentario (un 50 % máis).
Máis aló dos problemas globais, as
cifras obxectivas "seguen a mostrar tanto a maior capacidade de
recuperación do tecido produtivo ourensán, como o aliñamento da nosa realidade
cos novos paradigmas para construír unha sociedade menos homoxenea, máis verde,
humana e equitativa, e onde xa non se trata só de crecer, senón de como se
produce ese crecemento".
Sen triunfalismos, advertiu, o
escenario "invítanos a fuxir de posturas pesimistas sobre o noso futuro e
mudalo por un optimismo xustificado, do que participan tanto as empresas que
ven mellorar a súa competitividade polo crecemento das exportacións (un 11,5 %
ata agosto) e tamén polo maior grao de confianza en aqueles que buscan
emprego".
Reflexionou tamén sobre a poboación
xubilada, "unha realidade que non sempre temos ben valorada", para
apuntar que non só achegou case 82 millóns de euros en outubro, senón que tamén
"nos sorprendería saber que Ourense é a provincia galega, salvo Lugo, con
menor porcentaxe de inactivos en idade de traballar, cunha media moi por
debaixo da galega e unha evolución positiva de case oito puntos nos últimos
dous anos". Polo tanto, "na nosa economía non sobre ninguén; ao
contrario, o que precisamos son ocupados".
Economía verde e sector agroalimentario
Para Manuel Baltar chegou o momento de
"acelerar naquelas actividades e sectores nos que somos mais competitivos,
impulsando potencialidades como a agroalimentaria ou a economía verde",
dous aspectos que estarán presentes na Mobile week, que principia o día 19,
"para cimentar sobre eles a nosa aposta por intensificar a
agroindustrialización e converternos nunha despensa orgánica de referencia
estatal cos nosos produtos ecoagroalimentarios".
Neste sentido anunciou actuacións en
dous eixos claves: "Facer crecer as nosas empresas, cun tamaño medio menor
que en Galicia; e atraer a toda unha xeración de mozos e mozas altamente
formados cara eses sectores, impulsando a súa modernización e uso das
tecnoloxías". Para este segundo obxectivo, a Deputación desenvolverá a
través do Observatorio Económico Ourensán un proxecto de colaboración público
privada "para atraer a esa mocidade, facilitando o desenvolvemento de
proxectos tanto de intraemprendemento en empresas xa existentes como de posta
en funcionamento de novas startups, atraendo cara eles talento e
inversores".
"Temos a convicción e
determinación precisas para saír a facer e non para quedar nos bos
propósitos", afirmou, poñendo como exemplo "o Centro Galego da
Innovación da Formación Profesional que abrirá en semanas; infraestruturas
capitais en Galicia como a estación de Manzaneda ou o Parque Náutico de
Castrelo de Miño; a Tecnópole; a Estación de Viticultura e Enoloxía; o edificio
Provincia intelixente; os plans de desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra e
Ourense Termal; ou a participación decisiva da Deputación para ofrecer en
Monterrei un parque acuático de referencia no noroeste peninsular".
Non deixou de citar a condición da
Deputación como "primeira aliada dos concellos, aportando músculo funcionarial
e financeiro para que desenvolvan con éxito as súas competencias", ademais
de "seguir liderando unha provincia que é terra de talento, da man da
sociedade e das súas entidades máis representativas".
Concluíu Manuel Baltar cunha referencia
"á noticia histórica" da chegada da alta velocidade en decembro,
"sen dubida unha sacudida competitiva para o territorio que imos
aproveitar, preparando esta provincia termal para amosar a súa mellor versión
co Gran Hotel Balneario Auria", para lembrar finalmente o poema "Na
chegada a Ourense da primeira locomotora", que Manuel Curros Enríquez
escribiu con motivo da chegada do tren á cidade o 31 de marzo de 1881.
Durante o debate e a iniciativa da
presidencia, Manuel Baltar presentou ao pleno un conxunto de dez medidas a
desenvolver nos ámbitos do termalismo, turismo, captación de fondos europeos,
eficiencia enerxética, igualdade, administración ou cultura. As propostas foron
as seguintes:
Fondos europeos
• Acordo entre o Inorde e a Cámara de
Comercio de España, co obxectivo de canalizar os fondos europeos xestionados
polas Cámaras á provincia de Ourense, na parte que lle correspondería por peso
provincial en caso de existir a entidade.
Turismo
• Ourensanía Virtual. Un mapa
interactivo de recursos turísticos e patrimoniais da provincia de Ourense, no
que se mostren os recursos máis destacados mediante unha aplicación web baseada
nunha maqueta 3D esquemática e interactiva. Inclúe a creación de contidos
multimedia asociados a cada un dos recursos presentados, de modo que se crearán
diferentes contidos (fotográficos, vídeo e fotografía 360°, visitas virtuais 3D
interactivas, etc.) de cada un dos recursos turísticos incluídos na selección.
Termalismo
• Candidatura para organizar o Congreso
Mundial de Termalismo, dentro das actividades para 2022 da Organización Mundial
do Turismo. O presidente provincial defenderá o día 30 esta candidatura grazas
a que a Deputación de Ourense forma parte da Asociación de Cidades Históricas
Termais, que preside o propio Manuel Baltar.
Enerxía
• Reivindicar que Ourense reciba un
trato especial por parte do IDAE no fomento da xeotermia vinculada ao
termalismo, polas súas especiais condicións do chan. Promoción dun proxecto
singular de enerxía xeotérmica.
Administración e cidadanía
• Atención cidadá mediante
vídeochamada. Capacidade para realizar consultas e trámites de forma
telemática, un paso importante na administración dixital, avanzando cara a
oficinas de información máis innovadoras e eficaces.
Institucional
• Celebración do Bicentenario da Deputación
de Ourense, conmemorando os 200 anos con diversas actividades durante os doce
meses de 2022.
Representación en foros
• Celebración en Ourense da Comisión
Executiva do Eixo Atlántico, o 15 de decembro.
Igualdade
• Inauguración, o sábado día 20, do
Parque da Igualdade en Cachamuiña (Pereiro de Aguiar) presidido por unha
escultura do gran Buciños.
Cultura
• Entrega en Ourense dos Premios Mestre
Mateo, en 2022, froito da alianza coa Academia Galega do audiovisual.
• Posta en marcha da Ourense Film Comission,
grazas ao traballo realizado no mundo da produción audiovisual en Ourense.
Propostas dos grupos políticos
As propostas dos grupos políticos
aprobadas polo pleno foron as seguintes:
Cooperación
• Colaboración cos Grupos de
Desenvolvemento Rural (GDR). A Deputación impulsará diferentes vías de
colaboración cos seis GDR da provincia, solicitando a adhesión a cada dos
grupos e integrándose nas respectivas asembleas en calidade de socio.
Fondos europeos e financiamento para as
entidades locais
• Reclamar ao Goberno central un fondo
de reconstrución para as entidades locais que garanta a súa participación real
e transparente, facilitando aos concellos e deputacións provinciais a xestión
dunha porcentaxe dos fondos europeos equivalente ao gasto local dentro do gasto
público total.
• A Deputación de Ourense compromete o
seu respaldo a todos os concellos para captar fondos europeos, mediante a
dotación de partidas económicas que complementen as posibles dotacións
procedentes do Estado en termos de equidade e obxectividade.
• Requirir tanto ao Estado Español como
á Xunta de Galicia un novo modelo de financiamento que permita aos concellos
cumprir coas súas obrigas cos veciños e veciñas, comprometendo un mínimo do 20
% do financiamento total das administracións a favor dos concellos, poñendo fin
a un sistema que fai que a media de financiamento por veciño nos concellos
galegos procedente do Estado sexa 50 euros inferior á media estatal, cando a
dispersión poboacional e o avellentamento fai evidente a necesidade dunha
dotación orzamentaria superior.
Emprego
• Plataforma de emprego na propia web
da Deputación, con dúas simples pestanas: unha, quero traballar; dous, necesito
traballadores. Tratamento dos datos recibidos. Unha ferramenta máis para
empresarios e autónomos e persoas desempregadas. Téndelle a man á pequena
empresa e ás persoas autónomas.
• Promover accións estratéxicas para o
desenvolvemento de políticas de empregabilidade e apoio ao emprendemento no
conxunto da provincia de Ourense. Con especial mención ás políticas activas de
respaldo á xente moza retornada e inmigrante.
Promoción económica
• Sector vitivinícola. Elaborar, en
colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e os seus
adegueiros, colleiteiros e viticultores un plan de mobilización de terras para
cultivo da uva que permita poñer ao dispor do sector un mínimo de 160 hectáreas
de terreo para cultivo de uva. Todo isto de conformidade co marco lexislativo
que proporciona a nova Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia.
• Creación da marca Ourense para
produtos e servizos xenuinamente ourensáns. Aberto a todas as empresas que
queiran adherirse coa existencia dunha auditoría que valide a procedencia ou
non de contar con este plus de protección. En colaboración coa Confederación
Empresarial de Ourense.
Infraestruturas
• Reiterar a esixencia cara á
Administración Xeral do Estado da mellora das infraestruturas e persoal
ferroviario, nomeadamente cara ao ferrocarril convencional vertebrador da
provincia. Demándase un ferrocarril de proximidade como o existente noutros
territorios do Estado, ben sexa de xeito directo a través de Renfe, ben
mediante traspaso de competencias e recursos económicos á Xunta de Galicia para
que sexa esta quen o poña en marcha.
Reto demográfico
• Esixir ao Goberno de España que a
provincia de Ourense sexa tida en conta nos procesos de descentralización
administrativa e nos plans de axuda na loita contra o despoboamento, como xa
foi así co plan de descentralización de Renfe en Teruel ou Toledo; Soria e o
seu centro da Seguridade Social, ou Cuenca e os seus cursos da UNED, entre
outros.
• Creación dunha fiestra única
emprendedora do rural. Para axudarlles aos concellos e facilitarlles aos
emprendedores e emprendedoras proxectos de futuro na provincia rural.
Turismo
• Ordenación do turismo en
autocaravanas, poñendo en valor unha ruta provincial con todas as zonas de
autocaravanas sinalizadas, indicando lugares próximas de interese, as mellores
formas de acceder, e cuestión positivas a valorar polos usuarios.
Enerxía eólica
• Esixir a todas as administracións
competentes (Estado e Comunidade Autónoma) en materia de regulación enerxética
que se estableza un novo mapa eólico galego, con criterios de preservación do
noso territorio dende un punto de vista social, medioambiental e patrimonial. E
que ao tempo os beneficios obtidos dos recursos naturais (nomeadamente a auga e
o vento) revertan na poboación local tanto mediante os pagos directos aos
propietarios, os tributos aos concellos e a creación de plans industriais e
tarifas propias que favorezan o desenvolvemento do territorio da provincia.
Administración e xestión
• Revisión do modelo das brigadas de
Vías e Obras, co fin de adaptar a organización dun servizo que atende 1.852
quilómetros de estradas provinciais ás novas necesidades, en particular á
atención permanente desta rede viaria e a modernización e tecnificación da súa
xestión.
Cultura
• Medallas Blanco-Amor. Premio anual,
en varias categorías, para recoñecer a traxectoria e os méritos de ourensáns e
ourensás nunha gala anual.
• Compromiso co patrimonio material e
inmaterial do territorio, coa posta en marcha da comisión de patrimonio coa
participación de expertos para a posta en valor e coidado deste.