No encontro estiveron presentes os
presidentes das Autoridades Portuarias da Coruña, Martín Fernández-Prado; de
Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; de Ferrol, Francisco Barea Paz; e de Marín, José
Benito Suárez Costa; ademais da directora da Autoridade Portuaria de
Vilagarcía, Begoña Mesejo, entre outros.
Ademais, participaron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas,
e o vicepresidente da Confederación Galega de Empresarios e presidente da
Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, entre outros.
Na súa intervención, a conselleira de
Infraestruturas e Mobilidade lembrou que Galicia, en alianza con Castela e León
e Asturias, conseguiu a incorporación da súa rede ferroviaria ao trazado do
Corredor Atlántico de mercadorías e agora cómpre aproveitar as oportunidades de
financiamento para acadar unha modernización efectiva das infraestruturas que
incremente a nosa competitividade e sitúe Galicia como “porta de entrada das
mercadorías” a Europa.
A Estratexia Loxística das Infraestruturas
de Galicia 2021-2028 busca, precisamente, definir as actuacións necesarias para
aproveitar ao máximo a incorporación ao Corredor Atlántico, incrementando área
de influencia dos Portos da Comunidade mediante o fomento da multimodalidade do
transporte de mercadorías asociado a eles.
Ethel Vázquez sinalou como meta deste
proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de
España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de
toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e
evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.
A conselleira avanzou que, con este
traballo, en xaneiro de 2022 Galicia contará cun “Plan de acción” que
presentará ante o Goberno de España, co conxunto de actuacións necesarias para
impulsar a modernización da súa rede ferroviaria e incrementar a súa
competitividade.
O obxectivo é completar as infraestruturas
esenciais no transporte de mercadorías, especialmente a conexión de tren de
Punta Langosteira e a Saída Sur de Vigo, ademais de incrementar a colaboración
interrexional e entre operadores e de promover incentivos que impulsen o
transporte intermodal. O investimento inicialmente estimado para acadar estes
obxectivos é de 3.300 M€.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade
do Goberno galego subliñou a necesidade de aproveitar a oportunidade actual na
que os fondos europeos poden empregarse para dotar Galicia dunha rede de
infraestruturas ferroviarias moderna e competitiva capaz de ofrecer un
transporte de mercadorías multimodal.
Nese sentido, lembrou que lle corresponde ao
Goberno de España planificar, deseñar e presentar ante as diferentes
convocatorias de fondos europeos as actuacións necesarias para a modernización
da rede, defendendo o Corredor Atlántico co mesmo entusiasmo que o Mediterráneo.
Para contribuír ao impulso do
desenvolvemento das infraestruturas necesarias para o reforzo da loxística
galega, a conselleira explicou que a Xunta está a desenvolver esta Estratexia,
que se desenvolve coordinada cos traballos paralelos desenvolvidos por Asturias
e Castela e León.
Ethel Vázquez pediulles aos representantes
e operadores portuarios, así como aos axentes empresariais e da loxística de
Galicia que formulen as súas achegas para “asegurar que este representa o que
realmente o sector portuario e da loxística precisa”