viernes, 19 de noviembre de 2021

A Xunta habilitará os mecanismos xurídicos para asegurar as obras públicas en risco polos custos e pola subministración de materiais


Coñecemos hoxe que a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que Galicia será pioneira en España aplicando medidas normativas que blinden as obras públicas e protexan o emprego na construción ante a crise de prezos dos materiais.

Vázquez Mourelle, xunto co secretario xeral da Consellería, Joaquín Macho, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta mañá un encontro de traballo nas dependencias da Consellería, en San Caetano, co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os representantes provinciais da entidade. 

A conselleira enmarcou este encontro na inquedanza compartida pola Xunta e o sector, que desde hai tempo vén alertando do risco de que as obras sufran retrasos, poidan ser paralizadas e mesmo abandonadas pola quebra dos contratos.

A titular de Infraestruturas informou así ao sector das medidas normativas deseñadas, no marco das competencias autonómicas, para garantir a viabilidade dos investimentos públicos promovidos pola Xunta e asegurar a execución dos fondos europeos de reconstrución. Isto, ao tempo que se demanda a adopción de medidas a nivel estatal e europeo ante un problema común a todo o continente, dixo.

Salientou que se habilitan os mecanismos xurídicos que permitan actuar para garantir a viabilidade das obras públicas que se vexan en risco polos problemas actuais de custos e subministración de materiais. Na construción os materiais encarecéronse nos primeiros 6 meses de 2021 un 12%, o que representa, a mesma suba rexistrada entre 2007 e 2020, en 13 anos, apuntou a conselleira.

Vázquez Mourelle concretou que estas medidas serían de aplicación naquelas obras en execución que rexistren unha variación de prezos dos materiais de, polo menos o 20% e causen unhas perdas superiores ao 6% do importe de adxudicación.

Nestes casos, precisou, poderase establecer ou ben unha “compensación”  que evite a quebra do contrato ou autorizar unha modificación dos materiais, promovendo os recursos de proximidade, sempre e cando isto non implique unha merma na funcionalidade das obras.

Deste xeito, tal e como salientou Ethel Vázquez, Galicia vai ser a primeira en adoptar medidas normativas que eviten a parálise dos investimentos públicos e garantan o impulso da reactivación económica.

Celebro este anuncio que vén responder a unha problemática á que me referín na miña recente intervención o 27 de outubro con ocasión da comparecencia no Congreso do Secretario Xeral de Infraestruturas do MITMA, no trámite orzamentario.

Eu díxenlle: “Finalizo, expresando señor secretario xeral, a preocupación pola alza dos prezos das materias primas, que certamente son moi elevados en elementos que afectan á construción, como é o aceiro corrugado, as mesturas bituminosas, o petróleo e o aluminio, que vai supoñer unha alza dos prezos que xa fai que non se poidan cumprir contratos e que obriga a que a Administración expoña un sistema, escoitando ao sector, para tentar paliar este serio problema.”