Así o adiantou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na inauguración do foro Loxística intelixente: tecnoloxía, talento e sostenibilidade, organizado no marco da iniciativa de colaboración transfronteiriza ‘Cologistics’, no que participaron o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o administrador dos Portos do Douro, Leixões e Viana do Castelo, Joaquim Gonçalves.
Ethel Vázquez salientou que hoxe mesmo se dirixiu por carta á comisaria para facerlle chegar, novamente, esta demanda, de que a liña de alta velocidade Vigo-Porto se incorpore ao trazado do Corredor Atlántico europeo como rede básica, é dicir, como rede prioritaria, ao igual que os itinerarios Ferrol-A Coruña e A Coruña-Lugo-Monforte, ademais de incluír como parte da rede básica tamén o porto de Vigo.
Precisou que a conexión entre Vigo e Porto conta cunha conexión por estrada que permite salvar a distancia entre ambas as dúas cidades en 95 minutos, mentres que o tren se demora ata os 140 minutos. Neste sentido, a Xunta propón achegar estas cidades cunha infraestrutura ferroviaria moderna que reduza o tempo de viaxe ata 60 minutos, o que redundaría nun importante plus de competitividade para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A titular de Infraestruturas concretou que a primeira peza desa infraestrutura é a Saída Sur ferroviaria de Vigo, o treito que dá continuidade cara ao Porriño desde a estación de Urzaiz, da liña do Eixo Atlántico.
Indicou que o traballo recentemente adxudicado polo Goberno de España para a realización dun estudo de alternativas sobre a execución da Saída Sur de Vigo é, a xuízo da Xunta, un paso importante pero insuficiente.
Tras anos analizando esta actuación, remarcou, cabería agardar maior ambición e compromiso do Goberno de España coa Saída Sur, mediante a licitación do estudo informativo e a tramitación ambiental, trámites reais para avanzar de forma efectiva neste proxecto. Recordou que a Xunta xa realizou un completo estudo técnico e custo-beneficio da Saída Sur que acredita a súa rendibilidade e foi entregado ao Ministerio de Transportes.
Ethel Vázquez incidiu, ademais, en que esa Saída Sur de Vigo debe vir acompañada dunha conexión directa e soterrada co porto de Bouzas, por razóns obvias de competitividade.
Fixo fincapé no obxectivo de obter o máximo rendemento da incorporación do noroeste peninsular ao trazado do Corredor Atlántico europeo, unha oportunidade única de acceder a financiamento comunitario para modernizar a rede de transporte de mercadorías e reforzar a competitividade dos portos.
Explicou que a pesar do logro, o camiño aínda é longo, xa que cómpre convencer ao Goberno de España e ás autoridades europeas de que apostar polo Corredor Atlántico do noroeste paga tanto a pena como facelo polo Corredor Mediterráneo.
Apelou a que esa incorporación se traduza nunha mellora efectiva da rede ferroviaria, empezando pola remodelación integral da liña do Miño que é a porta principal de saída das mercadorías do sur de Galicia e da Eurorrexión cara ao resto de España e Europa.
‘Cologistics’
Na súa intervención, Ethel Vázquez salientou que a Xunta tamén participa na iniciativa ‘Cologistics’ para incentivar a internacionalización do tecido produtivo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, apostando pola loxística como un sector capaz de dinamizar a actividade económica e o emprego.
Lembrou que as achegas da Xunta a ‘CoLogistics’ se materializan en dous proxectos concretos destinados a coñecer certas necesidades da Eurorrexión e, sobre todo, a atopar a mellor vía para darlles resposta.
Trátase de dous estudos, cun orzamento de 178.000 €, que buscan analizar a mellora das infraestruturas de conexión entre Galicia e o Norte de Portugal e definir unha rede de aparcadoiros para o transporte de mercadorías na Eurorrexión que potencie a seguridade desta actividade no territorio común.
Detallou que estas análises se atopan en avanzado estado de elaboración e servirán como guía nos vindeiros anos para facer da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal unha realidade económica e empresarial cada vez máis cohesionada e potente.