viernes, 26 de noviembre de 2021

A economía galega creceu no terceiro trimestre un 3,2%, medio punto máis que a media española


Coñecemos hoxe que economía galega creceu no terceiro trimestre do ano un 3,2%, un crecemento que é superior en medio punto ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (2,7%).

En canto á taxa intertrimestral, o PIB galego medrou un 1,4% entre os meses de xullo e setembro. Así o reflicten os datos da Contabilidade trimestral publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Desde o punto de vista da demanda, no terceiro trimestre do ano o consumo das administracións públicas medrou un 4,6% (por riba da media nacional onde o crecemento foi do 2,9%) e o gasto dos fogares galegos incrementouse un 1,5%, catro décimas máis que no conxunto de España. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos baixaron un 2,7% e as importacións de bens e servizos caeron un 5,7%.

No que respecta á oferta, só o sector servizos rexistrou taxas de variación positivas cun crecemento do 5,1%. Pola súa banda, o sector da construción baixou un 5,6%, o sector primario descendeu un 2,2% e a industria un 0,2%.

Ademais, os datos da contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- tivo un crecemento do 4%, o que supuxo un incremento de 39.294 postos de traballo respecto do mesmo trimestre do ano anterior.

Este comportamento positivo do emprego permitiu crecementos en todos os sectores, sendo os maiores na construción (5,8%) e nos servizos (4,4%), cun avance do 4,7% na rama de comercio, transporte e hostalería. Na industria os postos de traballo equivalentes a tempo completo creceron un 2,0% e no sector primario un 1,2%.