Saliento pola súa importancia a reunión que esta mañá tivo en Madrid o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto
Feijóo instou hoxe ao Goberno central a converter os
fondos europeos Next Generation nunha oportunidade para dar certezas aos
sectores industriais galegos e aos 16.500 empregos que están en risco.
incidiu na necesidade de empregar estes fondos
para mellorar a competitividade da industria galega. Ao respecto, trasladoulle
os proxectos que integran a candidatura galega, no eido dos sectores forestal,
da automoción, a medicina personalizada, o naval, o aeroespacial, a
biotecnoloxía e o agroalimentario.
Nesta
liña, saudou que os proxectos do Grupo Stellantis no eido da automoción, así
como os referidos aos sectores aeroespacial e agroalimentario estean dentro dos
parámetros para integrarse nos respectivos PERTE.
Así
mesmo, expresou a súa confianza en que os estaleiros galegos atopen oco no
PERTE que, “segundo confirmou a ministra”, sairá no 2022 para o sector naval.
“Nós
o que pedimos é que haxa unha concorrencia competitiva, obxectiva e
obxectivable para poder competir, porque estamos convencidos de que os
proxectos da nosa comunidade son sólidos”, engadiu.
Ao
longo do encontro, Feijóo reiterou a necesidade de certezas e propostas que
dean solución aos problemas que atravesan industrias como Alcoa, Alu Ibérica,
Ence e Barreras. “En Alcoa hai máis de 5.000 empregos que están nunha situación
de absoluta indefensión, o sector forestal necesita unha solución para a
continuidade de Ence con seguridade”, dixo, destacando tamén a importancia de
que Barreras atope un comprador solvente.
Por
outra banda, no tocante a Vestas, o titular do Goberno galego lamentou que nun
país que aposta polo desenvolvemento da enerxía eólica, as empresas que
fabrican os seus compoñentes opten por pechar. “Hai un problema de
competitividade evidente”, aseverou.
O
presidente da Xunta aproveitou a xuntanza para recordar que o Xacobeo debe ser
un proxecto de Estado e, ao respecto, lamentou que nos Orzamentos Xerais do
Estado para 2022 haxa “cero euros” para levar a cabo o investimento de máis de
280 millóns de euros para a vindeira década, comprometidos na última reunión do
Real Patronato de la Ciudad de Santiago.