lunes, 8 de noviembre de 2021

O Partido Popular reclama 91 millóns de euros máis para Ourense nos orzamentos xerais do Estado de 2022



O Partido Popular de Ourense deu a coñecer o contido das 30 emendas presentadas polos representantes populares nas Cortes Xerais contra os orzamentos xerais do Estado para 2022 destinados á provincia, e que supoñen un incremento de 91 millóns de euros “para corrixir o agravio e o trato discriminatorio para con Ourense”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, nunha comparecencia diante dos medios de comunicación na que estivo acompañado por Ana Vázquez, Celso Delgado, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco José Fernández.

 

Manuel Baltar felicitou aos deputados e senadores polo seu “traballo serio e rigoroso” para facer fronte “á inoperancia do goberno de Sánchez e o trato discriminatorio para con Galicia e, especialmente con Ourense, no que prima un xogo de deslealdades con pactos antinatura”.

 

A este trato para con Ourense, engadiu, súmase “unha nefasta xestión que nos afecta a todos como a suba da luz, a crise do gas ou o circo montado coa reforma laboral, titulares de abondo todos os días que nada teñen que ver coa política con maiúsculas do PP”, apuntando a este respecto algunhas das medidas que se teñen formulado desde a formación popular como o fortalecemento institucional, os plans de emprego, de vivenda para a mocidade ou a gratuidade da escolarización de cero a tres anos.

 

Manuel Baltar destacou tamén “o sentir de todos os membros da xunta de goberno da FEMP, mesmo dos socialistas, onde nunca houbo un desprezo tan alto contra o mundo local español, nin nos 44 anos de democracia en España”. Malia unha situación tan extraordinaria como a pandemia, denunciou, “o mundo local non recibiu nin un só euro, e ademais o goberno púxose de costas ás emendas que tradicionalmente eran acollidas polos grupos que sosteñen ao goberno e aprobadas unanimemente”.

 

A deputada Ana Vázquez sinalou pola súa banda que as trinta emendas rexistradas polo PP de Ourense van na procura “dun maior investimento na provincia, onde o goberno de Sánchez só consignou 157,5 millóns de euros, notoriamente inferiores aos 414,72 millóns dos orzamentos de 2018 aprobados polo goberno de Rajoy”.

 

Un paquete de medidas, dixo pola súa banda Celso Delgado, “que forman parte das case 2.100 emendas parciais que o grupo parlamentario popular rexistrou aos orzamentos xerais e que van na dirección que necesita España para a súa reactivación económica”.

 


Celso Delgado e Ana Vázquez detallaron as emendas que se citan a continuación.

 

ESTRADAS: 25.900.000 €.

 

● Respecto do variante norte de Ourense, tramo da A-56 Eirasvedras-Quintela que no proxecto do OXE para 2022 só recibe 2 millóns de euros, os populares presentaron unha emenda de incremento por valor de 10 millóns.

 

● En referencia aos demais tramos da autovía A-56 (Ourense-Lugo) rexistráronse emendas para Quintela-A Casilla (400.000 €) e A Casilla-Cambeo-Sanmartiño (3.000.000 €). A súa construción é fundamental para darlle funcionalidade ao tramo San Martiño-A Barrela norte, aberta ao tráfico desde setembro.

 

● Sobre a autovía A-76 (Ourense-Ponferrada), ante o descarado agravio que supón que o tramo máis avanzado administrativamente, A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras, reciba unha ridícula consignación de 100.000 euros, os populares rexistraron unha emenda de 2,9 millóns para aumentar a súa dotación ata os 3 millóns de euros e así posibilitar a licitación dunhas ansiadas obras en Valdeorras.

 

● Tamén se presentou outra emenda de 200.000 € para o seguinte tramo, A Veiga de Cascallá-Requejo (León).

 

● Observando ademais que no proxecto orzamentario socialista non figura ningunha consignación específica para a mellora da  seguridade viaria na intersección de Ribela (Coles) na  N-525, rexistrouse unha emenda de 500.000 € para posibilitar a licitación das obras. E igualmente, ante a ausencia de consignación para a remodelación do enlace da Rúa na N-120, presentouse outra emenda por importe de 200.000 €. Tamén outra emenda de 200.000 € para o proxecto de  enlace e reordenación de accesos da N-120 en Vilamartín de Valdeorras.

 

● Presentouse tamén unha emenda por importe de 500.000 € para o proxecto de carrís de adiantamento entre Os Peares e Ourense, unha actuación que contribuiría a solucionar os problemas xerados polas liñas continuas que impiden os adiantamentos durante máis de vinte e dous quilómetros.

 

● Outra emenda por importe de 8 millóns para incrementar a dotación para a conservación ordinaria e vialidade, rehabilitación e melloras da rede de estradas do Estado na provincia de Ourense, xa que a dotación orzamentada para 2022 (11.345.100 €) é insuficiente para cubrir as necesidades existentes.

 

● Bonificacións de peaxes na AP-53, cunha emenda de 2 millóns de euros, atendendo á aprobación unánime no Parlamento de Galicia o 29 de setembro dunha Proposición non de Lei do Grupo Popular, pola que se demanda ao Goberno central que implante bonificacións nas peaxes da AP-53 (comeza na AP-9 en Santiago de Compostela e finaliza na N-525, cerca de Dozón-Alto de Santo Domingo), a máis cara de Galicia e unha das 20 máis caras de toda España. Unha estrada moi utilizada polos ourensáns.

 

FERROCARRIL: 59.989.000 €.

 

● Emenda por importe de 500.000 € para que a Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria estude a creación dunha estación ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas. Cómpre lembrar que o 10 de maio de 2021, na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Congreso, foi aprobada unha Proposición non de Lei do grupo popular para impulsar a creación desta estación ferroviaria.

 

● Os deputados rexistraron emendas por importe de 10 millóns de euros para incrementar a dotación orzamentaria de ADIF de 11 millóns de euros para o epígrafes Corredores “TEN-T” de ADIF na provincia de Ourense.

 

● Tamén outra emenda para incrementar en 300.000 € a dotación de ADIF para a renovación do corredor Monforte-Covas.

 

● Ademais, 300.000 € para que ADIF manteña e mellore as estacións ferroviarias da rede convencional de Ourense, principalmente as do Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín, O Carballiño e Ribadavia, xa que a dotación prevista nos OXE de 2002 e de tan só 24.000 €.

 

● E tamén presentouse unha emenda de 589.000 euros que permita executar as obras do paso inferior na rúa Ramón Puga e do paso superior na Rúa Tarascón, para as que ADIF non consignou nada.

 

● Ante a ausencia dunha partida concreta para as actuacións pendentes de realizar por ADIF-AV na estación de alta velocidade de Ourense solicítanse 10 millóns de euros. ADIF-AV debe licitar antes de fin de 2021 a execución de obras de proxectos de construción para a adaptación da Estación de Ourense aos novos servizos de alta velocidade (crecemento do edificio de viaxeiros, praza de entrada, pasarelas entre andens, conexión peonil entre barrios) e de cubrimento adicional da praia de vías. Estas obras supoñen 68,5 millóns de euros (IVE excluído).

 


● A 
variante exterior de Ourense (Taboadela-Ourense) aparece dotada nos OXE de 2022 con tan só 22,7 millóns de euros. É una suma inferior aos 29 millóns que aparecen nos OXE de 2021, dos que só está previsto por ADIF-AV que se gasten máis de 9,1 millóns. Ademais das obras xa licitadas en xullo de 2021 dos tramos  entre Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Conexión Seixalbo, deberían licitarse en 2022 as dos tramos Conexión Seixalbo-Seixalbo, Seixalbo-Túnel de Montealegre e Túnel de Montealegre-Estación de Ourense. Por todo elo preséntase unha emenda para incrementar a dotación en 37 millóns de euros.

 

● Outra emenda refírese aos proxectos do AVE Ourense-Vigo por importe de 1 millón de euros.

 

● Finalmente, para o impulso de infraestruturas no Corredor Atlántico Noroeste, que inclúe a conexión ferroviaria Venta de Baños-Palencia-León-Astorga-Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña, co obxectivo de incrementar o potencial industrial, a eficiencia loxística e fomentar unha mobilidade máis sostible, pídese que se inclúan actuacións ferroviarias en Galicia por importe de 50 millóns de euros dos que a cuarta parte, 12,5 millóns, se imputarían a Ourense.

 

TRANSICIÓN ECOLÓXICA E RETO DEMOGRÁFICO: 3.862.750 €

 

● Para saneamento e depuración de augas na demarcación ourensá da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil preséntase unha emenda por importe de 3.482.750 €, coa finalidade de incrementar a consignada de 4.214.250 €, que é unha suma notoriamente insuficiente.

 

● Para vixiancia e control das substancias contaminantes nas augas da demarcación ourensá da CHMS pídense 100.000 €.

 

● E para a segunda fase do paseo do Río Badella en Bande demándase unha dotación de 280.000 €.

 

INTERIOR: 1.350.000 €

 

● Para a reforma do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar solicítanse 150.000 €.

 

● Consonte ás demandas formuladas polos representantes da provincia reclámase a creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia da Garda Civil (USECIC) en Ourense con 200.000 €.

 

● Para as obras de mellora nos cuarteis da Garda Civil na provincia de Ourense pídese nunha emenda a consignación de 500.000 €, que permita afrontar as obras nos cuarteis de Lobios, O Barco, O Carballiño, Bande e Maceda.

 

● Outra emenda recolle a necesidade de realizar melloras na comisaría provincial de Ourense: 450.000 €, para novos vehículos e equipamento para a investigación de delictos telemáticos.

 

● E tamén se solicita a creación dunha oficina de estranxeiría e do DNI no Barco de Valdeorras: 50.000 €.

 

● De carácter xeral, aínda que tamén afecta de modo especial á provincia, o PP pide 12,3 millóns de euros para subir o baremo e ofrecer un complemento de territorialidade para que os gardas civís escollan destino na España máis despoboada.

 

● Neste mesmo ámbito xeral e seguindo unha reivindicación de todos os alcaldes a través da FEMP, que os concellos poidan utilizar os seus remanentes de tesourería para convocar prazas de policía local, para rexuvenecer os actuais cadros de persoal, moi envellecidos.

 

OUTRAS EMENDAS QUE AFECTAN Á PROVINCIA

 

● Investimentos para a conservación do medio natural con afectación ás Reservas da  Biosfera (Xurés-Allariz) e da Ribeira Sacra por importe de 300.000 €; e para promoción do Xacobeo, camiños de Santiago, por valor de 30 millóns de euros.

 

● Apoio aos destinos turísticos da España despoboada, no que se incluíu á provincia de Ourense no plan de exencións fiscais, e o acceso á vivenda no medio rural que incorpora unha emenda de 200 millóns de euros.

 

● Ademais, pídese un fondo de 4.144 millóns de euros que suporía a redución do IVE do 21 % ao 4 %, suprimindo mentres dure esta crise enerxética o imposto á produción eléctrica, que rebaixaría case nun 50 % o custe da factura.

 

● No ámbito social, outra emenda do PP reclama que as perrucas oncolóxicas e próteses capilares teñan un IVE reducido do 10 %. E a mesma porcentaxe para os servizos de perruquería, barbería e centros de estética.

https://www.osil.info/o-pp-pide-91-millons-de-euros-mais-para-a-provincia-nos-orzamentos-estatais-para-2022/

https://www.somoscomarca.es/articulo/actualidad/diputacion-pide-gobierno-45-millones-euros-valdeorras/20211108180237115386.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2021/11/09/pp-enmienda-presupuestos-estado-91-millones-ourense/0003_202111O9C3994.htm

https://www.laregion.es/articulo/ourense/pp-censura-agravio-sanchez-provincia/202111082215131079772.html

Los representantes ourensanos del PP en las Cortes Generales presentan 30 enmiendas a los PGE - Ourense - COPE

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/11/09/pp-reclama-gobierno-91-millones-59317049.htmlhttps://www.farodevigo.es/ourense/2021/11/09/pp-reclama-gobierno-91-millones-59317049.html