Saliento a boa nova difundida pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzando que na primavera os veciños de Dozón e da contorna disporán do novo acceso á autovía AG-53 en sentido Ourense grazas a un investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros.
Trátase dun novo ramal de conexión entre a autovía da Xunta e a N-525, que fará máis cómodos e seguros os desprazamentos, xa que evita que os veciños de Dozón teñan que desprazarse ata Piñor pola estrada nacional para incorporarse á autovía cara a Ourense.
O enlace comeza no quilómetro 275 da estrada nacional, ao pasar o núcleo do Castro, onde se empraza a Casa do Concello e os principais equipamentos.
A intervención inclúe unha ampliación do carril de vehículos lentos, cruzando a AG-53 a través do paso inferior que hai na autovía para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía pola marxe dereita en sentido Ourense.
A actuación completarase coa drenaxe, a instalación de valla de cerramento e sinalización, balizamentos e defensas no novo ramal.
Ethel Vázquez detallou que estas obras, que comezaron a finais de setembro avanzan segundo o previsto. Concretou que os traballos previos, de despexe, roza e demolicións, están avanzados, cun grado de execución do 75%.
Entrada e saída á autovía
A conselleira tamén recordou que a Xunta está a avanzar na redacción do proxecto para completar os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía. Indicou que o ramal de saída da AG-53 no alto de Santo Domingo permitirá que os vehículos que veñan de Ourense poidan saír en Dozón.
Fixo fincapé en que a Xunta tamén vén de demandar unha mobilidade máis económica na autoestrada estatal AP-53, que completa a conexión entre Ourense e Santiago, pois é unha vía cunhas das peaxes máis altas e sen ningún tipo de bonificación.
Avanzou que nas próximas semanas se prevé ter pechado o estudo do impacto que suporá levar á AP-53 as bonificacións que se aplican na AP-9, para abordalo cos Concellos e dar traslado ao Ministerio.
Por cierto que desde o GPP no Congreso presentamos unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 coa finalidade de bonificar as peaxes da AP-53.