A deputada popular natural de Sober, Raquel Arias lembrou que a estrada N-120 é a única vía de comunicación entre as comarcas orientais de Ourense, a capital desta provincia e a comarca de Lemos. “Diante desta situación, desde o PPdeG temos solicitado en numerosas ocasións, tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia, a construción dos carrís de adiantamento na estrada N-120 e da A-76, a autovía pensada para ser alternativa á estrada nacional”, lembrou.
OPORTUNIDADE DE OURO
Arias recordou que o Goberno de Mariano Rajoy iniciou en 2017 a redacción dun proxecto para a implementación dun terceiro carril na N-120 entre os quilómetros 548,8 e 564. “Porén, máis de catro anos despois, o Goberno de Pedro Sánchez amosa unha absoluta deixadez e desprezo por esta obra, o que nos parece unha ofensa cara aos veciños das comarcas de Valdeorras, Lemos e Ourense, pero tamén a todos os usuarios desta estrada”, lamentou.
“Para reverter esta situación, o Goberno central ten agora unha oportunidade de ouro a través do mecanismo de recuperación e resiliencia, ademais de que se apropiou de 43,86 millóns de euros das comunidades autónomas, deputacións e concellos para actuacións de seguridade viaria en Galicia”, indicou Raquel Arias.
A deputada popular considerou “dubidoso que o Goberno central leve a cabo estes planes, xa que a primeira decisión que adoptou foi deixar fora desta partida orzamentaria á provincia de Ourense, sen dar unha explicación a esta decisión”.
Celebro esta iniciativa de Raquel Arias, que como usuaria frecuente ben coñece as carencias desta estrada N-120 que pola imposibilidade de adiantar desde Os Peares ata Ourense incorpora aos viaxes un retraso non inferior a dez minutos.
Agardemos que esta iniciativa xunto as que xa teño presentado no Congreso dos Deputados sirvan para que o Goberno reaccione.