O acto contou tamén coa actuación musical de Xabier Díaz, desde o Pazo de Xelmírez, e da Real Filharmonía de Galicia desde o Pazo de Fonseca, como lembranza das dúas primeiras sedes provisionais da Cámara e como sinal de agradecemento pola cesión deses espazos por parte do Arcebispado e á Universidade de Santiago, respectivamente. A terceira das actuacións, no vestíbulo do Parlamento, correu a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que celebra o seu 100 aniversario. O acto rematou coa interpretación do himno galego a cargo de Uxía Senlle, acompañada por un coro de nenas e nenos do CEIP Petelos (Mos).
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que o 19 de decembro de 1981, cando se celebrou, no Pazo de Xelmírez, a primeira sesión constitutiva da institución “todo estaba por facer e case nada se daba por sentado”. Reivindicou o éxito da transición á democracia “culminada con éxito por persoas valentes sobre a base do diálogo, a tolerancia e as renuncias persoais”, un proceso que conduciu a España, e con ela a Galicia, “ao selecto club dos países avanzados, e dotounos dun estado de benestar que para si quixeran noutras latitudes, algunhas ben próximas”.
Botando a vista atrás, Santalices concluíu que “o tempo transcorrido acredita o acerto daquela aposta” na medida en que “a democracia e o autogoberno sentáronlle moi ben a Galicia e á súa xente, en todos os ámbitos”.
Pacto constitucional
Para o titular do Lexislativo autonómico, “Galicia demostra con feitos o acerto do pacto constitucional que hoxe reivindicamos de novo”. A experiencia destes 40 anos “acredita a plena compatibilidade de conceptos como descentralización, autonomía e constitución, por exercer o noso autogoberno con sentidiño, atentos ao sentir da nosa xente e con plena lealdade ás restantes institucións do Estado, desde o alcalde do concello máis pequeno ata o xefe do Estado, o Rei Felipe VI”.
Neste punto, Santalices agradeceu o esforzo do conxunto da sociedade para “engrandecer Galicia”. “Desde o Parlamento, desde a Xunta, desde a sociedade civil; desde postos con relevancia pública e desde o traballo anónimo e calado. Todas as mans son necesarias e son sempre benvidas”.
Escoitar á xente
Reivindicou tamén a utilidade das institucións democráticas e dos propios parlamentos fronte a calquera intento de devalualos. “Precisamos un Parlamento en contacto permanente coa xente, que escoite a xente, fale como a xente e responda ás necesidades da xente, tamén, e moi especialmente, ás dos que non se senten de todo identificados coas institucións”, afirmou.
Referíndose ao papel concreto da Cámara galega, Santalices Vieira parabenizou que “nestes tempos de crispación xeneralizada, o Parlamento de Galicia converteuse nunha illa de estabilidade, de corrección, de respecto ás boas formas”. Por iso, agradeceu ás deputadas e deputados a súa actitude construtiva e a predisposición para o acordo.
A xuízo de Santalices, malia as dificultades do momento, “Galicia transita por sendas de progreso e de oportunidades coas que todas e todos, desde as lexítimas discrepancias, debemos comprometernos”.
Galicia non atura aldraxes
O presidente do Parlamento lembrou que no pasado houbo intentos de “desdebuxar” a autonomía galega”. A Galicia de entón non o permitiu, como tampouco o permitiría agora, de darse o caso. Os principios básicos da autonomía e o autogoberno non son nin poden ser xamais contrapartida política na procura de réditos curtopracistas. Galicia non demanda privilexios, pero tampouco atura aldraxes”, sinalou Santalices.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Parlamento de Galicia como unha caixa de resonancia, lugar de encontro ou canle para que as discrepancias discorran dun xeito racional que permite avanzar na obriga de escoitar, pero tamén como ese espello no que o pobo galego se recoñece.
Fíxoo durante a sesión solemne do 40 aniversario do Parlamento autonómico coa que, tal e como destacou, se conmemora “o nacemento dun fogar común no que, todos xuntos, estamos vivindo unha Galicia que outros soamente puideron soñar”. Nese sentido, incidiu en que antes da súa constitución a nosa terra estaba orfa dun órgano coma este no que o galeguismo pasase de ser unha idea lonxana a unha realidade próxima.
Ademais, ao longo da súa intervención, Feijóo puxo de manifesto que esta institución, que chegou da man do Estatuto de Autonomía e é fillo da Constitución española, é consecuencia de procesos democráticos que eluden a confrontación e buscan o consenso. “Diante deste logro singular, reclamarse autonomista é facer xustiza a un proceso exemplar e a unha realidade modélica”, abundou.
A ese respecto, recordou que a democracia require para o seu fortalecemento valores que son propios da nosa xente: tolerancia, alerxia aos extremismos, querenza polos acordos, estabilidade e cambios tranquilos.
Finalmente, e logo de reivindicar que o parlamentarismo está vivo e é dinámico, pero que calquera transformación require tempo, Feijóo convidou a non buscar exemplos fóra que corroboren esa certeza, toda vez que “Galicia é o modelo”.