A deputada popular ourensán Noelia Pérez afirmou que “os servizos ferroviarios configúranse como a mellor alternativa para o desprazamento entre cidades”, pero lamentou que “en Galicia levamos meses sufrindo alteracións no funcionamento dos servizos ferroviarios”.
En concreto, referiuse á eliminación de frecuencias nos horarios máis demandados; retrasos continuados; horarios incompatibles coa xornada laboral; carencia de maquinistas; ou avarías dos trens, coa conseguinte cancelación dos servizos. “Estas alteracións, que non poden xustificarse agora pola pandemia, son máis acusadas nas liñas que unen Ourense e Santiago, Ourense e A Coruña e Ourense e Lugo, obrigando aos viaxeiros a realizar estes percorridos no vehículo particular ou incluso en autobús, coa conseguinte perda de tempo e de recursos”, apuntou.
MINUSVALORAR A MOBILIDADE INTERNA
Noelia Pérez puxo como exemplo o servizo Ourense-A Coruña das 6:45 horas, eliminado hai máis dun ano pese a existencia de demanda por parte dos viaxeiros; ao que se suma o anuncio por parte de Renfe dos novos horarios entre A Coruña-Santiago-Ourense para adaptarse á chegada do AVE a Ourense o próximo día 21 de decembro, priorizando ese novo enlace. “Esta modificación nos horarios de primeira hora da mañá e a priorización do enlace con Madrid provoca que os trens con saída de A Coruña se adianten en algo máis de media hora, o que implica que os viaxeiros que vaian traballar a diario a Ourense desde aquelas cidades estarán na estación as sete da mañá, agardando a súa entrada ao traballo ás oito ou ás nove”.
Diante desta situación, a deputada popular explica que “se Renfe dispuxera dos trens AVRIL, como vimos demandando desde a Xunta e o PPdeG desde hai tempo e que non estarán operativos ata o vindeiro verán, podería liberar os trens AVANT que vai empregar desde o vindeiro día 21 de decembro para coordinar as conexións co AVE a Madrid, e destinar eses trens AVANT a continuar prestando os servizos de primeira hora entre Ourense e A Coruña, como ata o de agora”. “Non poden priorizar a conexión de Galicia coa Meseta, deixando sen servizo ou minorizando a mobilidade interna en Galicia, prexudicando aos usuarios que utilizan o tren para os seus desprazamentos diarios”, indicou.
Noelia Pérez demanda “sensibilidade a Renfe ante as demandas dos cidadáns e procurar unha solución que permita adecuar a oferta á demanda de mobilidade dos galegos que se desprazan cada día de A Coruña a Ourense para acudir ao seu traballo, de xeito compatible coas conexións de AVE entre Ourense e Madrid”.