domingo, 23 de enero de 2022

Boas novas no servizo público de saúde en Valdeorras: melloras no Hospital Comarcal e avances para o construción dun novo centro de saúde en A Rúa

 

Esta semana que termina, recibimos moi boas novas para a atención sanitaria da cidadanía da importante comarca de Valdeorras onde existen evidentes necesidades de mellora na prestación polo Sergas deste importante servicio público, tanto no que afecta a atención hospitalaria como a atención primaria. Na web da Xunta a esos efectos consta que:

 Compromiso co Hospital comarcal de Valdeorras

“O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial; e pola directora do distrito do Barco de Valdeorras, Margarita Rodríguez visitaba o venres as obras de mellora que a Xunta de Galicia está a levar a cabo no Hospital de Valdeorras. Na súa intervención neste acto, o conselleiro deu conta do cumprimento dos compromisos adquiridos coa cidadanía do distrito de Valdeorras e cos profesionais o pasado novembro.

A primeira das medidas anunciadas, consistente na colaboración cos centros sanitarios de Ponferrada, xa está en marcha dende ese mes, existindo unha autorización de uso co Hospital de la Reina desa localidade, que permitiu que un dos seus traumatólogos realizara máis de 350 consultas ata final de ano.

A segunda das medidas postas en marcha polo departamento sanitario galego, que comezou en decembro, consistiu en organizar un sistema de rotación entre o persoal dos servizos de traumatoloxía de Galicia para manter a cobertura deste especialidade en Valdeorras. Esta medida conlevou en decembro o desprazamento de traumatólogos das áreas de Lugo e Ferrol para cubrir as gardas, e dun traumatólogo de Santiago de xeito permanente durante parte do mes, para atender máis de 200 consultas. Finalmente, dende este mes de xaneiro, xa hai tres profesionais cubrindo de xeito permanente as prazas vacantes do servizo de Traumatoloxía.

A consecuencia de todas estas iniciativas levadas a cabo pola Consellería de Sanidade é que a lista de espera da primeiras consultas no Servizo de Traumatoloxía reduciuse a unha media de 28 días, sen que ningún paciente teña que agardar máis de tres meses, malia ter como punto de partida unha demora media dun ano para as primeiras consultas, cando só se contaba cun profesional. Ademais, a normalización xa neste mes da presenza continuada de tres profesionais máis no servizo, vai permitir axilizar aínda máis a actividade asistencial. Esta medida continuará ata que se cubran, de xeito estable, estas prazas na oferta pública de emprego.

Melloras en infraestruturas e equipamento

García Comesaña visitaba tamén o inicio das obras de reforma para ampliar o hospital de día onco-hematolóxico e para mellorar as áreas de preparación e de recuperación na unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, que permitirá incluír máis procedementos cirúrxicos. Tamén comezouse a modernización das instalacións da farmacia hospitalaria.

A estas obras, o conselleiro anunciou que se unirá a reactivación da reforma da área de consultas externas, que traerá como consecuencia a incorporación, na área de oftalmoloxía, de equipos como un tomógrafo ou un biómetro, indicados para diagnosticar a dexeneración macular ou a retinopatía diabética. Diagnósticos estes que, por primeira vez, vanse poder realizar en Valdeorras sen necesidade de desprazarse a Ourense.

Xunto coas melloras en persoal e infraestruturas, García Comesaña destacaba tamén as dos equipamentos. O conselleiro incidiu en que a Xunta tamén renovou a aparataxe tecnolóxica, incorporando xa equipos de ecografía aos servizos de Xinecoloxía e Cardioloxía. Até o de agora, o ecocardiógrafo xa realizou un total de 60 probas, un feito que evitou outros tantos desprazamentos, ao permitir realizar neste hospital algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos e que antes necesitaban trasladarse a Ourense. Así mesmo, están xa adquiridos novos ecógrafos para os servizos de Urxencias e Radiodiagnóstico.

Finalmente, no vindeiro mes o Sergas licitará un contrato de mobiliario hospitalario no que se incluirá, cun custe de preto de 500.000 euros, a renovación de 106 camas, mesiñas e cadeiras de brazos das habitacións do hospital, co que, antes de rematar o ano, todas as habitacións deste centro terán o seu mobiliario renovado.

Todas estas melloras, que acadan un investimento superior aos dous millóns de euros, amosan o compromiso do Goberno galego con este hospital que, nos últimos dez anos, incorporou Neuroloxía, Cardioloxía, Oncoloxía Médica, consultas de Endocrinoloxía ou Dixestivo, Hospitalización a Domicilio e, dende o pasado ano, tamén Hospitalización a Domicilio Psiquiátrica.

Potenciación dos hospitais comarcais

Segundo dixo o titular da carteira sanitaria, o compromiso da Xunta de Galicia co hospital de Valdeorras, e co resto de hospitais comarcais, queda reflectido no feito de que, dende o ano 2019, o Sergas comezou a dar máis puntuación nas ofertas de emprego e nas listas de contratación a quen exercera nestes hospitais e, o pasado ano, incorporou a prestación de servizos en hospitais comarcais como mérito no cálculo da carreira profesional. Xunto con estas medidas, durante o presente ano, vanse desenvolver actuacións de mellora nos sete hospitais comarcais da rede sanitaria pública galega.


Sinalou, así mesmo, o conselleiro, que a Xunta segue a solicitar ao Ministerio de Sanidade que regule os incentivos para o exercicio da sanidade en prazas de difícil cobertura, cumprindo un acordo do Consello Interterritorial que está pendente dende 2018, e reiterou a petición ao Goberno central que elimine a taxa de reposición que impide ás comunidades autónomas sacar a oferta pública todas as prazas para a cobertura estable.

Tamén fixo fincapé García Comesaña en que a aprobación, no ano 2018, da reforma da Lei de Saúde que fusionou as áreas sanitarias da provincia de Ourense, está a posibilitar garantir a cobertura de profesionais nun hospital como o de Valdeorras, no que hai déficit deles en diversas especialidades.”

A Xunta de Galicia investirá máis de dous millóns de euros na obra do novo centro de saúde da Rúa

"Tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, logo dunha visita ao Concello da Rúa informou ao seu alcalde, Álvaro Fernández, e ao persoal do centro de saúde, dos avances nos trámites para a construción do novo centro de saúde desta localidade, un inmoble no que a Xunta de Galicia prevé investir máis de dous millóns de euros.

García Comesaña comunicou ao alcalde e ao persoal que, dados os importantes avances na adquisición e urbanización da parcela efectuados polo Concello de A Rúa coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta ten iniciado xa os trámites de contratación da infraestrutura.

Así, a finais de decembro o Sergas formalizou una encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas, habilitando a este organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a executar as actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde da Rúa

Desde entón, a Axencia Galega de Infraestruturas avanzou na elaboración dos pregos administrativos de contratación do proxecto básico e de execución do centro de saúde, que se contratará conxuntamente co servizo de dirección da futura obra. Unha vez estes pregos reciban os informes preceptivos da asesoría xurídica e da intervención, ao longo das vindeiras semanas a Xunta poderá sacar a licitación este contrato cun orzamento de máis de 160.000 euros, abrindo un prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas en realizar unha proposta arquitectónica global do edificio e da urbanización da súa parcela.

O contrato esixirá que un equipo técnico formado, entre outras, por persoas especialistas en arquitectura, enxeñería industrial e estruturas realicen un deseño cun modelado en tres dimensións que permita diminuír o tempo e recursos e facer máis eficiente a xestión da construción. Este proxecto deberá axustarse ás características do centro proxectado, un inmoble de máis de 1.200 metros cadrados e cuxa obra deberá axustarse a un investimento de aproximadamente 2,15 millóns de euros.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

Cómpre lembrar que o centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Este documento definía a actuación en A Rúa como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónica no actual centro, e propoñía como alternativa un novo edificio cun Plan funcional integrado por tres consultas de medicina, tres de enfermaría, unha de pediatría, unha de enfermaría pediátrica, unha de odontoloxía, consulta de urxencias, consulta do programa da muller, sala de educación sanitaria, despacho de traballo social e unha sala polivalente, entre outros espazos.

Iso significa para a poboación da Rúa non só duplicar a superficie do actual centro de saúde, senón incorporar espazos que non existen agora, como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou o despacho de traballo social.

Ademais do centro de saúde da Rúa, a fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, contempla tamén na provincia de Ourense un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense, cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado.

Na fase 1 contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño, mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o da Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas da Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan xa adxudicadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.”