Compareceu a petición propia para informar sobre as
conclusións do Comité Asesor Sociosanitario sobre o novo modelo de residencias. Reproduzo a nota de prensa difundindo esa comparecencia:
"Fabiola García subliñou que se logrou no medio dunha
pandemia, e en tan só doce meses, establecer os cimentos e a estrutura que
deberán seguir as residencias de maiores das próximas décadas. Este traballo
foi posible grazas ao labor do comité asesor que se constituíu hai xusto un
ano.
Neste sentido, explicou que o Comité Asesor
Sociosanitario realizou unha proposta fundamentada en catro piares, que se
corresponden cos principais vectores de mellora das residencias: a
humanización do trato e a formación continuada de todos os profesionais; o
aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía; as melloras na coordinación
entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais, que se
comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.
Humanización e
formación
Así mesmo, a conselleira manifestou que os centros
residenciais son a “casa dos residentes”, polo que unha das liñas básicas de
traballo debe ser que as persoas maiores se sintan cómodas neles e que se
respecten a súa dignidade e a personalidade. Destes principios parte o bloque
de medidas de humanización e formación continuada.
Na gobernanza diaria das residencias teranse en conta
as opinións de todas as persoas que forman parte do ecosistema do centro. Todas
as de máis de 100 prazas deberán contar cun Consello Asesor con funcións
consultivas, a través do que poidan participar a empresa titular do centro, os
profesionais, os residentes e as familias; e aconsellarase ás máis pequenas que
o incorporen tamén.
Por outra banda, porase en marcha a nivel autonómico
unha Oficina de atención ao residente e aos familiares. No plano formativo,
todas as residencias deberán contar cun plan que garanta que os seus
profesionais nunca deixen de aprender.
Potencial tecnolóxico
A capacitación será especialmente interesante para
formar aos traballadores no emprego de tecnoloxías que serán de uso cotián nas
residencias. A longo de 2022, Galicia vai transformar todos os centros de
maiores públicos en residencias intelixentes, nas que a innovación tecnolóxica
se traducirá en máis benestar para todas as persoas maiores.
Fabiola García subliñou que o sistema público terá
unha función demostrativa e exemplificará, para os centros privados, todos os
avances que se poden lograr a través da innovación. O pase de enfermería
evolucionará coa introdución dun monitor multiparamétrico, para aforrar tempo
en trámites e transcricións. Os cuartos transformaranse en habitación
intelixentes, con sensores que avisan se a persoa maior ten unha caída ou
deambula de noite.
Os residentes con algún tipo de deterioro cognitivo
poderán pasear con máis liberdade e sen medo a perderse, dentro ou fóra da
residencia, coa introdución dun novo mecanismo de seguimento, e instalaranse
sistemas de lecer e de comunicación cos seus achegados, tanto dentro das
propias habitacións coma nas zonas comúns.
A conselleira de Política Social explicou que a
maioría destes avances xa están funcionando na residencia pública piloto que o
Goberno galego puxo en marcha na Estrada e que conta “cunhas valoracións
excelentes por parte dos que máis importan: os residentes e os traballadores”,
recoñeceu.
Ademais, nos últimos meses a Xunta estivo
perfeccionando os sistemas de información das residencias en estreita colaboración
coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega). Implantouse
en todos os centros que contan con persoal sanitario a última versión da
Historia Clínica electrónica HCEPro, unha ferramenta máis avanzada ca o IANUS.
Tamén se elaborou un cadro de mandos a nivel
autonómico para obter unha imaxe fiel da situación das residencias en cada
momento. Deste xeito, os profesionais disporán dunha panorámica máis completa e
as Administracións públicas tamén contarán con mellor información de cara á
toma de decisións.
Coordinación
sociosanitaria
Fabiola García puxo en valor que o usuario das
residencias non é unicamente unha persoa que necesita que o coiden, senón que é
tamén, na maioría dos casos, un paciente crónico que require dunha atención
sanitaria intensiva. Por iso, o novo modelo recolle a imprescindible
coordinación entre o sistema de coidados e o sistema de saúde.
A conselleira agradeceu o “compromiso, a determinación
e a amplitude de miras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, por
ser “o mellor aliado” para que o espazo sociosanitario pase a ser unha
realidade cada vez máis tanxible.
Para conseguir esta meta, o novo modelo ten entre as
súas novidades diferentes medidas. Os hospitais servirán a medicación a todas
as residencias de máis de 90 prazas. Isto aliviará en certa medida a presión
asistencial da atención primaria, pois os centros de saúde poderán descargarse
de preparar receitas para máis de 5.500 pacientes crónicos.
Crearanse tamén as primeiras unidades de coidados
intermedios da historia da nosa comunidade. Nelas, atenderase ás persoas que xa
recibiron a alta do hospital, pero seguen requirindo acompañamento social. A
través deste, poden retomar a vida autónoma e evitar o ingreso nunha
residencia.
Acordouse co sector que todos os centros deban contar
cun plan de continxencia validado polas Consellerías de Sanidade e Política
Social, e coñecido polos profesionais, familiares e usuarios. Nestes plans
fixaranse a sectorización do centro, os circuítos e o stock mínimo de Equipos
de Protección Individual (EPIS). Ademais, debe asegurarse que os traballadores
estean formado sobre o uso do material.
Por último, para as situación sanitarias de gravidade
que se orixinen nunha residencia, o novo modelo ofrecerá dous avances moi
importantes: a creación de vías rápidas para acceder ás Urxencias e tamén ao
hospital de día; e a posta en marcha dun código de residencia na centraliña do
061, que sirva como vía prioritaria para todas as emerxencias dos centros
sociosanitarios.
Reformas estruturais
A conselleira apuntou como cuarto e último piar do
novo modelo as reformas estruturais para os centros xa existentes e os de nova
construción, entre as que destaca a creación de unidades de convivencia. Ao
respecto, detallou que as residencias en Galicia deberán contar, como máximo,
con seis unidades deste tipo ou “minirresidencias”, de 25 prazas como tope cada
unha. É dicir, un máximo de 150 prazas por centro.
Ademais, os usuarios deste módulos seleccionaranse
polas súas preferencias persoais antes que polo seu grao de dependencia. As
unidades estarán decoradas como o estaban os domicilios dos usuarios e
reducirase ao mínimo a rotación de persoal entre eles para salvagardar a
intimidade dos residentes e promover a confianza. O obxectivo, é que as
residencias sexan verdadeiros fogares nos que se teña moi en conta a intimidade
dos usuarios.
Nesta mesma liña, e para favorecer tamén a
sectorización dos centros se fose necesario, un módulo non deberá servir de
zona de paso a outro e todos eles deberán contar con acceso directo ás áreas
comúns da residencia.
Así mesmo, e tendo en conta que nas residencias viven
moitas persoas quen padecen deterioro cognitivo, poderán contar con áreas de
psicoxeriatría. De feito, os sete centros públicos de atención integral ás persoas
maiores que a Xunta impulsa co financiamento da Fundación Amancio Ortega prevén
xa a creación deste tipo de servizos."
Precisamente agardamos que pronto podan comezar as obras do futuro centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade de Ourense que se emprazará na parcela da vella estación de autobuses no Pino.