Na nota difuindidad pola Xunta consta que “Feijóo pediu
ao Goberno central un compromiso firme para que os trens Avril cheguen a
Galicia no verán e a priorización das obras das autovías na Comunidade; unhas
obras que, segundo recordou, van a un “ritmo inasumible”, con atrasos nalgún
caso de fai 20 anos”.
Tamén “incidiu na necesidade de que o tren de Alta
Velocidade se estenda ao resto das cidades galegas, “xa que estamos a falar dun
activo extraordinario para Galicia e para o noroeste de España, tanto no eido
da industria como no relacionado co sector turístico”, precisou.
Nesta
mesma liña, resaltou a importancia de cumprir os tempos de conectividade
pactados: Santiago-Madrid en 2 horas e 50 minutos; Pontevedra-Madrid en 3 horas
e 10 minutos; Vigo-Madrid en 3 horas e 20 minutos; e Coruña-Madrid en 3 horas e
15 minutos. “E acordamos tamén abordar nas vindeiras semanas cun grupo técnico
como levar o ancho internacional ata Santiago, co fin de facilitar a
conectividade e a competitividade”, engadiu.
En
relación ás intermodais, o presidente autonómico cualificou de “boa noticia” o
anuncio da licitación neste semestre de 2022 da estación de Ourense,
converténdose na primeira gran estación de alta velocidade de Galicia. “E,
deste xeito, quedarían pendentes as intermodais da Coruña e de Lugo”, recordou,
facendo fincapé en que, pola súa banda, a Xunta xa ten consignado unha partida
nos orzamentos para levar a cabo as obras das estacións de autobuses.
O
responsable autonómico referiuse tamén ao risco de configurar unha rede
ferroviaria galega de dúas velocidades na que Lugo e Ferrol queden descolgadas.
Así, no caso de Lugo, ademais da planificación de modernización da liña,
reiterou que sen variantes de trazado non se poderá aspirar a unha conexión con
Madrid competitiva; e, en relación con Ferrol, demandou unha planificación e
que se leve a cabo o baipás de Betanzos. Ademais resaltou o necesario
compromiso coas conexións de Vigo con Ourense e Porto, coa Variante exterior en
Ourense -da que falta máis da metade por licitar-, así como coas obras
pendentes da remodelación do antigo túnel do Padornelo.
No
que se refire ao ferrocarril de mercadoría, o titular da Xunta valorou a
creación por parte do Ministerio de Transportes dun comisionado no que
participen as comunidades e se prioricen as cuestións de rede básica do
Corredor Atlántico. E, especificamente, valorou a confirmación da licitación, o
vindeiro mes, da conexión ferroviaria a Punta Langosteira; e solicitou que se
dea prioridade á saída sur de Vigo e á conexión con Porto.
Ademais
de demandar novamente a transferencia da AP-9, o presidente galego aproveitou o
encontro para solicitar que se apliquen na autoestrada Santiago-Lalín (AP-53)
as mesmas bonificacións que se están a implementar noutras autoestradas.
“Sobre
a autovía Ourense-Ponferrada expuxen a necesidade de priorizar as variantes do
Barco de Valdeorras e de Monforte, ademais do tramo Villamartín-Requejo-O
Barco”, dixo, valorando tamén o obxectivo do Ministerio de Fomento de licitar
neste 2022 o subtramo Foz-Burela da autovía da Mariña.
Por
último, e como alternativa á A-55, o titular da Xunta trasladou a proposta do
Executivo galego de converter en autoestrada de peaxe en sombra o treito da
AP-9 entre Vigo e O Porriño.
Finalmente
e ante a posibilidade de que o Goberno central implante un sistema de pago en
todas as autovías de España, Feijóo insistiu en que a opción do custo por
quilometraxe sería discriminatoria para os territorios máis periféricos,
“estamos a falar dun modelo que quebrantaría a competitividade da economía”,
abundou.”