jueves, 20 de enero de 2022

Presentada en Fitur a novena edición dos Trens Turísticos de Galicia

 

Asisto hoxe na Feira Internacional de Turismo Fitur á presentación polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co presidente de Renfe, Isaías Táboas, dos 13 itinerarios que percorrerán Galicia na novena edición dos Trens Turísticos de Galicia que, entre os meses de xuño e outubro, realizarán 37 saídas.

A iniciativa, na que colaboran a Xunta, Renfe e a Deputación de Ourense, demostrou, como recordou Alfonso Rueda, ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros, o que permitiu que, pese á pandemia, o ano pasado os trens rozasen o 100% de ocupación.

Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. 

Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro.