Sigo con moita atención desde que comezaron no Parlamento de Galicia, os interesantes traballos da Comisión non permanente especial de estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento.
A fase de comparecencias de expertos comezou onte, coa presenza en primeiro lugar da profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e doutora europea nesta mesma materia, María Cadaval, quen demandou “altura de miras” á hora de afrontar o novo modelo de financiamento autonómico e defendeu a “nivelación total” (en contra da “nivelación parcial” introducida na reforma do 2009) de recursos para todas as comunidades autónomas.
Así mesmo, Cadaval amosouse contraria a descentralizar o imposto de sociedades, pola facilidade que existe para eludilo e beneficiarse das diferencias que poidan existir entre distintas demarcacións territoriais, así como polas dificultades técnicas para atribuír a cada territorio as bases xeradas.
María Cadaval, en relación co informe remitido polo Goberno central ás comunidades autónomas para o cálculo do “habitante axustado” (cálculo do custo real da prestación dos servizos públicos), criticou o feito de que, pese a establecerse máis tramos de idade para valorar o gasto sanitario, os tramos de idade maior, nos que se concentra a maior parte dese gasto, recibirían con esa proposta menos financiamento que na actualidade.
A ex-conselleira de Facenda e membro da Escala Superior de Finanzas da Xunta, Elena Muñoz, lembrou que no actual sistema de financiamento “non se ten en conta o suficiente nin o avellentamento nin a dispersión da poboación” que existe en Galicia. Ademais, lamentou que entre os anos 2008 e 2019 o financiamento por habitante axustado das comunidades autónomas españolas incrementouse máis dun 13 por cento, mentres que en Galicia a suba foi só do 3,7 por cento, como consecuencia da insuficiente valoración dos factores anteriores.
De cara á negociación do novo sistema, Muñoz avogou por acordos multilaterais, para evitar consecuencias como as derivadas do sistema vixente froito dun pacto unilateral entre o Goberno socialista de entón e a Generalitat catalá. En relación coas rebaixas fiscais aplicadas en Galicia nos últimos anos, precisou que o seu custo é asumido integramente pola facenda pública autonómica, pois o Estado xa desconta nas transferencias que lle fai á comunidade autónoma o que esta tería recadado de terse aplicado neses tributos a tarifa estatal (recadación normativa), non producíndose, por tanto, compensación algunha por porte da Administración estatal.
Hoxe o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e membro do Comité de Expertos para a reforma do financiamento autonómico a proposta do Parlamento galego, Santiago Lago, advertiu do feito de que no documento presentado polo Goberno central se incorporan novos criterios de carácter xeográfico que, ademais de redundantes con algún xa existente (superficie), provocarían unha diminución importante na aplicación do actual criterio de dispersión.
Os expertos sinalaron tamén que o gasto en sanidade aparece menos valorado do que debería, se temos en conta os datos de gasto liquidado. Ademais, o paso de 7 a 20 tramos parece diminuír o financiamento que se percibe pola poboación maior de 65 anos na actualidade, cando o gasto efectivo nesta materia aumenta exponencialmente a partir desa idade.
Santiago Lago situou a proliferación dos sistemas de cupo forais como o primeiro risco que ten Galicia no novo financiamento, porque reducirían as partidas que recibirían as comunidades autónomas con renda por baixo da media. Por iso, avogou por unha nivelación total, e non parcial como a incorporada no sistema de 2009.
Santiago Lago pronunciouse abertamente en contra da descentralización do imposto de sociedades, ao entender que mesmo está xa condicionado por acordos internacionais, e avogou por reforzar a participación das comunidades autónomas en todo o relativo á configuración e aplicación do sistema de financiamento autonómico.
Finalmente, advertiu sobre os riscos de que a poboación pese máis que outros factores ou que se condone de forma uniforme a débeda das comunidades autónomas.
Respecto das propostas aportadas por Santiago Lago para o novo financiamento autonómico figuran a nivelación de todos os servizos públicos, reforzar o grao do avellentamento e do espallamento da poboación, evitar as revisións anuais e reforzar o Fondo de Compensación Interterritorial (onde concretou que Galicia debería recibir 300 millóns de euros máis cada ano).
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que os dous expertos que compareceron hoxe na Comisión de estudo sobre o financiamento autonómico “coincidiron en rexeitar o documento presentado recentemente polo Goberno central sobre financiación, xa que os axustes que contempla na definición da poboación axustada prexudicarían notablemente a Galicia ao minusvalorar o criterio da dispersión da poboación”.
Lembremos que Galicia está estudando e analizando a proposta de poboación axustada remitida en decembro polo Ministerio de Hacienda e Función Pública para determinar o reparto dos recursos do sistema de financiamento autonómico.
As Comunidades Autónomas teñen ata finais do vindeiro
mes de xaneiro para enviar ao Ministerio as súas valoracións e aportacións
sobre esta proposta técnica de 240 páxinas. Polo tanto, ben está escoitar no Parlamento de Galicia as opinións de expertos na materia.