lunes, 7 de febrero de 2022

Feijóo enxalza a "revolución silenciosa" da FP galega que fixo posible en 2021 que 4 de cada 5 titulados atoparan traballo e alcanzar a plena empregabilidade na modalidade dual

 

Durante a presentación dos resultados do informe sobre a inserción laboral do alumnado de FP, que conta cunha análise exhaustiva con alumnos que remataron os seus estudos no curso 2017/2018, o  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a “revolución silenciosa” da Formación Profesional galega que fixo posible, en 2021, que 4 de cada 5 titulados que estaban buscando traballo o atoparan e alcanzar a plena empregabilidade na modalidade dual, nun momento de incerteza económica marcada pola pandemia.

Na web informan que "Feijóo recordou que, nos últimos dez anos, a Comunidade leva facendo unha aposta estratéxica por unha ensinanza, cuxas cifras poñen de manifesto o seu prestixio, a súa empregabilidade e a súa adaptación á realidade da sociedade.

“Estamos a falar, en definitiva, dun valor seguro para sumar formación, dun ensino cada vez máis valorado e demandado e dunha porta aberta á consecución dun posto de traballo”, abundou, subliñando que este éxito reflíctese en todas as materias: o 70% das familias profesionais supera o 85% da taxa de inserción; e a probabilidade de atopar traballo é case segura se os estudantes pertencen ás familias de enerxía e auga (94,4%), marítimo pesqueira (93,5%), instalacións e mantemento (92,9%), agraria (90,6%), transporte e mantemento (90,5%) e fabricación mecánica (90,2%).

“E tampouco entende de idades, xa que en todos os tramos a inserción supera o 83% e mesmo é algo maior para os maiores de 30”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico subliñou tamén que, segundo o informe, case 3 de cada 4 alumnos atopan emprego aos seis meses e a práctica totalidade dos titulados atoparon o seu primeiro traballo na Comunidade.

No tocante á FP Dual, cuxa inserción laboral chega ao 97%, Feijóo valorou o feito de que o 70% dos titulados xa é contratado na empresa na que realiza o módulo; así como que este curso se acadasen cifras récord de proxectos –máis de 160-, de alumnos –máis de 2.000-, de centro -57 en máis dunha trintena de concellos-, e de empresas adheridas -571-.

Nova Estratexia galega de FP

O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para garantir o compromiso da Administración autonómica con Formación Profesional, potenciando a implantación dos másters, que darán valor engadido aos títulos; e coa apertura este ano do Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, un espazo que está chamado a ser unha referencia no norte de España, coa incorporación de ensino en realidade virtual, impresión 3D ou industria 4.0.

Así mesmo, confirmou que este xoves, no Consello, presentarase a nova Estratexia de FP para afrontar os novos retos, potenciando a rede de centros de referencia, a adaptación da oferta á realidade laboral, a colaboración co tecido empresarial, a innovación e a dixitalización ou a FP Dual.

Feijóo concluíu aseverando que sen o compromiso dos docentes, a implicación das empresas e o esforzo dos alumnos non sería posible acadar todos estes logros.

A FP Dual

É unha modalidade de formación profesional que ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa nun centro educativo.

A FP dual integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: formación curricular (específica do ciclo formativo), traballo na empresa e formación complementaria (específica para os procesos produtivos da empresa), combinando a asistencia do alumnado no centro educativo coa súa formación e o seu traballo na empresa.

Os centros e as empresas comparten as responsabilidades formativas para que as ensinanzas profesionais se adecúen ás necesidades do mercado laboral.