Esta mañá no Pleno do Congreso dos
Deputados gardamos un minuto de silencio para apoiar e unirnos á dor de familiares
e amigos dos tripulantes mortos e desaparecidos no naufraxio do pesqueiro galelgo
“Villa de Pitanxo”.
Onte pola tarde, tras coñecer á tráxica noticia fixémolo os deputados galegos do Partido
Popular.
Reseño aquí a declaración institucional
tras o Consello Extraordinario do Goberno galego celebrado fai uns intres, exposta polo presidente Alberto Núñez Feijóo, e que
suscribo plenamente;
“Galicia é unha gran familia. E cando unha familia é golpeada
por un acontecemento tráxico, únese na dor para atopar un consolo que non
sempre é doado.
Vense de producir nas augas de Terranova unha das peores
traxedias marítimas dos últimos tempos co afundimento do Villa de Pitanxo.
Somos unha Comunidade Autónoma marcada por sucesos lutuosos
relacionados co mundo do mar. A nosa historia está ferida por datas dramáticas
tristemente protagonizadas polos nosos mariñeiros.
Ben sabemos que o traballo no mar é duro, perigoso e moitas
veces cruel, pero ninguén está emocionalmente preparado para recibir unha
noticia tan conmovedora.
Nestes momentos en que toda Galicia e dunha forma especial a comarca de O
Morrazo está sobrecollida pola perda de familiares, seres queridos e achegados,
a obriga da Xunta de Galicia é facerse portavoz de todos os galegos.
Todos quixeran estar preto das familias, fundirse con elas nunha
aperta e ofrecerlles un apoio que axude a paliar o sufrimento.
Facéndose intérprete do sentir do pobo galego, a Xunta de
Galicia quere expresarlles que non están nin estarán estes días sen amparo e
que nestes días de fondo desacougo o Goberno de Galicia, todas as institucións
e todo o pobo galego estará con eles.
Aínda que lamentablemente pouco se pode facer e dicir ante o
ocorrido, ante a morte confirmada e, o que é aínda peor, ante a incerteza dos
desaparecidos.
En efecto, cando ocorre unha traxedia coma esta, as palabras semellan
insuficientes e limitadas. Sen embargo son imprescindibles para expresar o que
se sinte.
Son a mellor ferramenta da que dispoñemos para intentar paliar a
inmensa dor que provoca o adeus dun ser querido. Trasládoa no nome dos galegos,
do Goberno, e de todas as institucións que se dirixiron a nós nas últimas
horas, comezando pola súa Maxestade El Rei.
Ademais de transmitir a intensa solidariedade de todos os galegos, a Xunta de
Galicia prestará todo tipo de axuda, especialmente psicolóxica, asistencial e
sanitaria, e tamén toda a información da que dispoñamos ás familias afectadas e
vén de decretar tres días de loito na nosa comunidade.
Lembraremos así aos que perderon a vida no mar, e así mesmo
renderemos tributo á gran comunidade mariñeira que nos ofrece acotío o exemplo
insuperable do seu traballo e sacrificio máximo.
A gran familia que é Galicia chora aos seus fillos. É tempo de
incorporalos á nosa memoria para que a súa traxedia non se esqueza. E de
acompañar aos que perderon aos seus para que non se sentan desamparados na dor
que lamentablemente ninguén lle pode quitar.”