viernes, 11 de febrero de 2022

Feijóo, visitou hoxe o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para coñecer a actividade das unidades de saúde mental

 

Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo durante unha visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), destacou  a contratación de 100 novos profesionais desde 2020 para desenvolver o Plan de saúde mental de Galicia poscovid. Un programa que conta cun investimento de 83 millóns de euros entre 2020-2024 e que chegará ás 241 prazas neste período, co obxectivo de desenvolver novos iniciativas de prevención e de atención neste eido.

Explicou que a contratación destes profesionais permitiu poñer en marcha unidades de prevención do suicidio como a de Ourense, noutras 5 áreas sanitarias galegas, así como hospitais de día infanto-xuvenís noutras dúas áreas máis -Vigo e Santiago-; contar con psicólogos clínicos de enlace de primaria e hospitalaria nas sete áreas; e ampliar a hospitalización a domicilio de saúde mental en tres áreas sanitarias -Ourense, Santiago e Pontevedra-.

Así mesmo, destacou o reforzo do programa sociosanitario para as residencias e a creación de cinco novas unidades ambulatorias: tres de adultos (en Ordes, Oleiros e Tui); e dúas infanto-xuvenís (na Coruña e en Vigo). Todas elas multidiciplinares, é dicir, con psiquiatría, psicoloxía, enfermaría especialista e traballo social.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que nos orzamentos deste 2022 os fondos para saúde mental aumentaron 4,4 millóns de euros. Por unha banda, para seguir aumentando progresivamente as prazas en centros de rehabilitación, pisos protexidos ou centros residencias; para incrementar o apoio ás entidades sociais que traballan coa saúde mental; e para seguir incorporando persoal, con outras 43 novas prazas este ano, con fin de poñer en marcha programas centrados na prevención e na atención da mocidade, o colectivo máis afectado pola pandemia na saúde mental.

Nesta mesma liña, confirmou que este ano poranse en funcionamento dous hospitais de día infanto-xuvenís máis -en Lugo e na Coruña-; e iniciarase a obra para dotar á Comunidade dunha segunda unidade de hospitalización para pacientes agudos de saúde mental infantís e xuvenís, que estará no Hospital Álvaro Cunqueiro. Unha unidade que xunto á de Santiago permitirá duplicar as capacidades de Galicia para ofrecer recursos de hospitalización aos pacientes agudos menores de 16 anos.

Na visita ao CHUO, o presidente do Goberno galego coñeceu a actividade das actuais unidades de saúde mental pero tamén das que se acaban de poñer en marcha no complexo hospitalario, nos últimos meses, como: un hospital de día infanto-xuvenil e a unidade de psicoxeriatría.

Dúas unidades para atender a menores con trastorno alimentario ou con trastorno mental grave e reforzar o coidado da saúde mental dos maiores hospitalizados, ás que se unen outros servizos, como a incorporación de novo persoal ao programa de hospitalización a domicilio psiquiátrico. “E Incorporamos tamén persoal de psiquiatría ao programa sociosanitario que presta atención ás persoas que viven nas residencias de maiores. 

Ademais de crear dous postos de psicoloxía de enlace, un deles encargado de desenvolver o plan de apoio psicosocial para o noso persoal sanitario”, engadiu, precisando que, en total, a área de Ourense conta con 12 novos profesionais de saúde mental incorporados e está pendente da cobertura doutras catro vacantes.