lunes, 21 de febrero de 2022

Reivindicar a Rosalía é a mellor forma de homenaxear a cultura galega e española “rica e integradora”

 

Hoxe o PPdeG,  celebrou unha ofrenda floral en Padrón en homenaxe á gran poeta galega Rosalía de Castro, referente da nosa literatura, conmemorando que esta semana se cumpren 185 anos do seu nacemento.

O número dous do PPdeG, Miguel Tellado acompañado polo portavoz parlamentario, Pedro Puy, polos membros da Comisión de Cultura do PPdeG e polo resto de integrantes do Grupo Parlamentario Popular no Parlamento, insistiu en que reivindicar a Rosalía é a mellor forma de homenaxear a cultura galega e española “rica e integradora”.

Tras salientar que os galegos construímos sempre sumando e unindo, lamentou que na última década cobrasen forza en toda España nacionalismos excluíntes, forzas que definen a súa identidade en contraposición ás demais, que para facer valer o propio necesitan atacar o alleo, que levantan muros e que impoñen linguas e pensamentos únicos cunha visión limitada.

Fronte aos que, a un lado e a outro, nos queren empobrecer, Tellado destacou a enorme riqueza dunha Galicia aberta e moderna e dunha España libre e plural das que a autora estaría profundamente orgullosa. Ademais, lembrou que Rosalía,  adiantada ao seu tempo, foi clave no rexurdimento das nosas letras, na recuperación da conciencia galeguista e fundamental no panorama literario do século XIX, rompendo barreiras e demostrando que o galego é unha lingua que pode dialogar en igualdade coas grandes literaturas do mundo.

Pola súa parte, Pedro Puy resaltou que o fundamental de Rosalía é a súa capacidade para unir aos galegos en torno á beleza da súa palabra e dos seus poemas, tanto en galego como en castelán. Nese senso, fixo fincapé na virtude da autora para conectar coa xente, algo que segue vixente: “Ninguén puido expresar mellor que Rosalía os sentimentos universais e atemporais que engarzan coas nosas raíces e co noso pobo”.