A nota oficial dí:
"O Diario Oficial de Galicia publicaba na mesma data o inicio da información pública desta actuación, que mellorará de forma substancial a seguridade e a funcionalidade da OU-540, favorecendo a mobilidade dos máis de 13.000 veciños dos 7 concellos situados na súa traza: Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios.
Coa intervención, mellorarán tanto a vertebración interior da comarca da Baixa Limia, como as súas conexións con Celanova e a cidade Ourense, ademais da conexión con Portugal, a través da Madalena.
Nun acto celebrado en Lobios, a conselleira presentou aos veciños, aos alcaldes e representantes dos concellos o detalle das actuacións proxectadas no treito de 42 quilómetros que separa a saída da autovía en Celanova ás inmediacións da ponte do Lindoso, co fin de incrementar a seguridade, a capacidade e a funcionalidade desta estrada autonómica.
Informou que a información pública que hoxe se inicia do proxecto de trazado do acondicionamento da OU-540 ten efectos expropiatorios, sendo un total de 221 as fincas afectadas pola intervención, e inclúe o trámite ambiental, que se realizará mediante avaliación ambiental simplificada. Desta forma iníciase o prazo para que os interesados que o desexen poidan trasladar as súas consideracións ata o vindeiro 27 de abril.
Segundo concretou a conselleira, o obxectivo da Xunta é aprobar o proxecto do trazado no verán, avanzando de forma paralela nos proxectos construtivos dos 4 treitos nos que se dividirá a actuación, co fin de licitar obras xa a comezos de 2023.
Detalle das actuacións
Ethel Vázquez destacou que as ambiciosas intervencións proxectadas pola
Xunta nesta infraestrutura estratéxica de vertebración de toda a comarca da
Baixa Limia dan resposta á solicitude trasladada polos concellos, e incrementarán
as potencialidades de todo este territorio, cun atractivo paisaxístico natural como
é o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e os seu importantes recursos
termais.
O proxecto prevé ampliar a capacidade e a funcionalidade da estrada autonómica OU-540, sumando un total de 13 km con terceiro carril de adiantamento, isto é o 31,5% do percorrido, o que favorecerá de xeito considerable a circulación.
Ademais, melloraranse e redeseñaranse 11 interseccións, e reordenaranse xiros á esquerda, para favorecer o cruce da estrada e os distintos movementos en condicións de maior seguridade
Estas actuacións completaranse coa mellora do firme alí onde sexa necesario para garantir as condicións da estrada e con actuacións de limpeza e despexe das marxes, para favorecer a visibilidade. Tamén se executarán cunetas de seguridade, incrementando o ancho útil da plataforma da estrada e facendo que sexa facilmente rebasable en caso de necesidade.
Actuacións entre Celanova e Bande
Ethel Vázquez sinalou que as actuacións estarán centradas en catro treitos diferentes, para os que se tivo en conta o tráfico da vía, que vai os 2.600 vehículos ao día entre Celanova e Bande; e menos de 700 nos treitos próximos á fronteira con Portugal.
A intervención de maior alcance será no treito entre Celanova e Bande, incluíndo a execución dun carril adicional na marxe dereita da estrada, ao seu paso por Verea, de case 2,5 km. Tamén se prevé un carril adicional na marxe esquerda da vía, ao paso polo termo municipal de Bande, de 1,1 km. Xunto con isto, o proxecto recolle a mellora de interseccións, como é o caso dunha prevista en Bande norte, así como a execución de sendas peonís para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea."
ANTECEDENTES
Por resolución do 17 de decembro de 2019, da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas iniciou a tramitación do expediente de contratación para a adxudicación do Contrato de servizo para a redacción do proxecto de trazado e construción e impacto ambiental: “ Acondicionamento dá OU-540. Treito: Celanova – Fronteira Portuguesa (PP. QQ. 29+000 – 71+910)
O 30 de decembro de 2019 asistín en Lobios a un acto no que a
conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez presentou o proxecto de mellora da estrada
OU-540, desde Celanova ata a Baixa Limia e a fronteira portuguesa.
O 7 de xullo de 2020, prodúcese a resolución de adxudicación de contrato de servizos por procedemento aberto multicriterio, a favor da empresa Proyfe, S.L., para a redacción do proxecto de trazado e construción e impacto ambiental: “ Acondicionamento dá OU-540. Treito: Celanova – Fronteira Portuguesa (PP. QQ. 29+000 – 71+910), de clave OU/19//178.10.”
O 8 de setembro de 2020, formalízase o contrato de Asistencia Técnica.