jueves, 3 de marzo de 2022

A Xunta celebra o Consello de Goberno en Ourense e compromete importantes investimentos na cidade e provincia


Esta mañá tivo lugar na cidade de Ourense un Consello da Xunta de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Nel avanzou hoxe un investimento de 5,5 millóns de euros para as obras e equipamento do novo servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que este servizo trasladarase á planta -1 do CHUO, o que permitirá mellorar as instalacións -con catro áreas diferenciadas- e incorporar alta tecnoloxía como: a renovación das dúas novas gammacámaras existentes ou instalar un equipo PET-TC.

O presidente da Xunta recordou que despois do novo edificio posto en marcha en 2017, cun investimento de 41 millóns de euros, a Xunta está inmersa nunha reforma integral do centro, co fin de iniciar este mes de marzo a construción dun novo edificio hospitalario e reformar o materno infantil -52,6M€-. Así mesmo, xa está licitado o proxecto para renovar e triplicar o espazo actual da Unidade de Coidados Intensivos, para o que se destinarán 9,4 millóns de euros; e o pasado verán rematouse o Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio ambulatorio no complexo hospitalario.

Máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial

En materia económica, Feijóo destacou a avaliación do Plan Estratéxico 2022-2024 do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que ten como obxectivos atraer novos proxectos empresariais, mellorar os servizos e infraestruturas, poñer espazos ao servizo dos autónomos e aproveitar as oportunidades dos fondos Next Generation e a chegada do AVE.

Para contribuír a este crecemento e consolidación de solo empresarial no concello de San Cibrao das Viñas, anunciou que a Consellería de Medio Ambiente habilitará máis de 340.000 metros cadrados de nova superficie industrial, cun investimento de 10 millóns de euros. “Isto farémolo a través da modificación do PXOM”,precisou, subliñando que, unha vez feito isto, a previsión é licitar as obras de urbanización este mesmo ano.

Polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia

No eido rural, o responsable do Goberno autonómico salientou a declaración dos dous primeiros polígonos agroforestais de iniciativa pública de Galicia, que estarán situados nos concellos de Oímbra e Cualedro, como iniciativas de utilidade pública e de interese social. “O obxectivo é recuperar a actividade agrícola ou forestal en áreas de terra agroforestal que, co paso do tempo, quedaron abandonadas ou están infrautilizadas”, dixo, explicando que a declaración de utilidade pública e de interese social permitirá a tramitación urxente dos procedementos para poñer en marcha estes dous polígonos.

O polígono de Oímbra, que contará cunha superficie de 22 hectáreas repartidas en 70 parcelas de 73 propietarios, terá como actividade principal en toda a súa extensión os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, a gandería extensiva; e como actividade secundaria, as árbores froiteiras e, na parte sur, a gandería extensiva.

O polígono de Cualedro, contará cunha superficie de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70 propietarios. Como actividade principal establecerase a gandaría de extensivo e cultivos complementarios, contemplando a produción para carne de gando vacún, porcino, ovino e cabrún e dando prioridade ás explotacións que inclúan unha produción integrada en ecolóxico-; e como actividade secundaria, outros cultivos agrícolas e árbores froiteiras, mantendo sempre a vexetación de ribeira existente.

Revitalización da fortaleza de Monterrei e ampliación do estadio do Couto

No eido cultural, Feijóo resaltou un investimento de 17 millóns de euros para o proxecto de valorización da fortaleza de Monterrei, unha iniciativa que implicará catro anos para restaurar a estrutura, mellorar as calidades paisaxísticas e aplicar criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. “O obxectivo é converter a fortaleza nun recurso turístico de primeira orde para a provincia”, abundou.

En relación ao deporte, o titular da Xunta referiuse ao proxecto de ampliación, reforma e mellora do estadio do Couto, cunha licitación por preto de 2 millóns de euros. Unha vez adxudicadas, en torno ao mes de xuño, comezaranse as obras, cun prazo de execución de sete meses.

Mobilidade sostible

No fomento da mobilidade sostible, destacou a posta en marcha da construción dun itinerario peonil e ciclista que conecte a cidade de norte a sur, cun investimento de 4,5 millóns de euros; así como a execución de dúas sendas peonís na estrada OU-101 ao seu paso polos concellos de San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, nas que se investirán máis dun millón de euros.

Concurso de ideas para a sede administrativa da Xunta

Por último, o presidente do Goberno galego anunciou a convocatoria dun concurso de ideas para o deseño da nova sede administrativa da Xunta en Ourense, á que se trasladarán máis de 940 traballadores.

Esta nova sede enmárcase na estratexia de alugueiros cero que está a levar a cabo a Administración autonómica desde 2009, co obxectivo de concentrar servizos administrativos nos mesmos espazos e aforrar costes no aluguer.