martes, 8 de marzo de 2022

No día Internacional da Muller: que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva

Hoxe cúmprense 70 anos desde que Nacións Unidas instaurou o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, aínda que non foi ata 1975 cando se conmemorou por primeira vez cos obxectivos de promover a igualdade de xénero, o liderado das mulleres e a eliminación de calquera discriminación contra a muller para conseguir a súa plena participación na sociedade, nas mesmas condicións que os homes. 

Por este motivo a Xunta publicou unía declaración institucional que comparto, e que dí:


“Unha data coma esta invítanos a reflexionar sobre a evolución das condicións de vida e o traballo das mulleres de todo mundo, pero tamén nos anima a fomentar accións que contribúan a mellorar e afianzar eses avances. E nesta andaina é indiscutible o papel que xogou o movemento feminista e todo o tecido asociativo, unha ferramenta para o apoderamento persoal e colectivo que permite seguir afondando na “sororidade” a través de redes de colaboración, que son a base para unha verdadeira igualdade. 


Recoñecer as aportacións de todas esas mulleres e nenas, celebrar a valentía e a determinación de todas esas voces transgresoras e esixir máis cambios para a consecución da plena igualdade, faise máis imprescindible hoxe ca nunca. 


É para iso é necesario visibilizar e por en valor a esas mulleres referentes, para dotar de exemplos reais ás xeracións máis novas. Mulleres pioneiras, de todo tipo de disciplinas e sectores, que coas súas experiencias, a súa sabedoría e o seu talento poidan iluminar o camiño das máis novas. 


E nese andar, os principais compromisos do Goberno galego residen en: apoiar o liderado feminino e a participación das mulleres en todas as esferas da sociedade, garantir o dereito á igualdade de trato e á non discriminación por razón de xénero e reivindicar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, mediante o fomento da redistribución de roles no fogar así como da igualdade no ámbito laboral.


Por todo iso, o Goberno galego seguirá desenvolvendo accións de impulso do talento feminino e participación equilibrada de mulleres nos espazos de toma de decisións na esfera económica, política, cultural, científica, etc., incluídos órganos e estruturas organizativas de todo tipo, como administracións públicas, de participación cidadá, entidades sociais e tecido empresarial, atendendo aos principios de mérito, capacidade e igualdade. 


Mostra do traballo en prol da consecución destes obxectivos, é a inclusión da perspectiva de xénero en todas as políticas públicas autonómicas, os plans de formación e emprego con incentivos de discriminación positiva para as mulleres ou apoios crecentes á conciliación laboral e familiar, co fin de minimizar as dificultades que adoitan atopar ás mulleres para manterse ou reinserirse ao mercado de traballo pola dedicación que invisten á familia. 


Do mesmo xeito, a nova lei autonómica de igualdade entre mulleres e homes, que verá a luz este mesmo ano 2022, permitirá adaptar a lexislación ao contexto socio-laboral actual e ir da man na profunda transformación que está a acontecer na nosa contorna. Con esta nova norma preténdese lograr unha maior concienciación das persoas traballadoras e o tecido empresarial, guiando as súas boas prácticas para eliminar por completo calquera manifestación de discriminación múltiple e mellorar o benestar laboral da muller galega.


Porque aínda que hoxe o reivindiquemos con maior énfase, verdadeiramente todos os días son 8 de marzo. Todos os días debemos respectar e valorar ao xénero feminino como merece. E por iso animamos a toda a comunidade galega a seguir esforzándose, cada un dos 365 días do ano, para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, para que a sociedade sexa, en definitiva, máis xusta con todos.”


Tamén esta mañá o Partido Popular de Ourense conmemorou  o Día Internacional da Muller cun acto celebrado na rúa do Paseo da capital, ao carón da escultura da Leiteira, e organizado polo Observatorio da Igualdade, recen constituído a iniciativa da vicesecretaría de Igualdade que dirixe María Antonia Rilo.


Entre as mensaxes do día, o vicepresidente do PP ourensán, Rosendo Fernández, reclamou “asegurar o benestar integral de todas as mulleres e avanzar noutras políticas de cohesión social e dinamización demográfica, a través de medidas favorecedoras da plena igualdade e con perspectiva de xénero como reto irrenunciable”.


Fernández avogou por un “compromiso rotundo dos partidos políticos, sindicatos, administracións, institucións e asociacións en xeral para contribuír a unha mellor calidade de vida das mulleres galegas, facendo fincapé na atención das mulleres maiores, con discapacidade, inmigrantes ou con problemas de saúde prevalentes, como aqueles asociados aos dereitos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva e coa maternidade”.


En nome das mulleres do Partido Popular, Jackeline Fernández, Eugenia Díaz e Diana Sulleiro pediron “manter ou superar o nivel de representación feminino con actuacións que teñan como eixo fundamental a mesma premisa: convivir en igualdade para un futuro sostible”, ademais de amosar toda a solidariedade coas mulleres que viven a terrible guerra de Ucraína. Precisamente o acto rematou cun minuto de silencio en memoria das vítimas.