jueves, 3 de marzo de 2022

Ourense acollerá o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, cun investimento duns 3,5 millóns de euros

 

O Consello de Goberno recibiu hoxe o “Informe de medidas en materia de ciberseguridade lideradas pola Xunta de Galicia”, que fai referencia a actuacións en marcha ou que comezarán a aplicarse en 2022 que suman investimentos de preto de 18 millóns de euros. 

O informe enmarca as actuacións da Xunta en materia de ciberseguridade nun decálogo de medidas de tres tipos: as infraestruturas e operacións, a estratexia de colaboración público – privada, e a formación e concienciación. Infraestruturas e operacións Este ano, a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros. 

A Xunta aposta porque Ourense acolla está infraestrutura clave no desenvolvemento da estratexia de ciberseguridade de Galicia. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver este ámbito como motor de transformación económica e social. Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa. 

O informe presentado hoxe refírese tamén ao Proxecto de mellora da seguridade na Administración de xustiza de Galicia, que se atopa en marcha cun investimento de ao redor de 2 millóns de euros. No marco deste proxecto estanse a implantar ferramentas do Centro Criptolóxico Nacional e plataformas técnicas para mellorar o nivel de ciberseguridade no ámbito da Xustiza. Outra das medidas en materia de infraestrutura e operacións que forma parte do decálogo é o Acordo Marco que oferta servizos de seguridade a todos os departamentos das administracións públicas autonómica e local e outras entidades públicas. Este instrumento permite investimentos estimados en 8,2 millóns de euros. 

Ao logo deste ano, a Xunta incorporarase á Rede Nacional de Centros de Operacións en Seguridade (SOCs), que complementará a ampla coordinación entre a Xunta e o Goberno de España, que se reflicte, entre outros aspectos, no equipo de respostas ante emerxencias informáticas CSIRT.gal que conta con presenza na rede de CSIRT.es. Tamén se porá en marcha este ano o Proxecto de servizos de ciberseguridade ás entidades locais, cidadanía e as empresas. Estratexia de colaboración público privada A Xunta de Galicia lidera desde a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. 

Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

Formación e concienciación

O Goberno galego porá en marcha unha campaña para concienciar a cidadanía galega sobre a importancia da ciberseguridade e para mellorar as capacidades no uso da tecnoloxía dixital. O investimento previsto é de ao redor de medio millón de euros. A Xunta desenvolve tamén un servizo de definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas galegas a través do programa Re-acciona. Investimentos 

A medidas de reforzo da ciberseguridade en Galicia aprobadas en marzo de 2021 implican investimentos por máis de 12 millóns de euros, a que hai que engadir os dous millóns destinados á mellora da seguridade da Administración de Xustiza, os 3,5 millóns correspondentes aos gastos ordinarios da Xunta en Ciberseguridade asignados a este ano e a parte do programa Re-acciona relativa a esta materia. En total, están en marcha medidas por un importe de preto de 18 millóns de euros. Avance da ciberdelincuencia e novas ameazas.

O informe destaca que Galicia sufriu case 20.000 estafas a través de medios telemáticos en 2021. Un de cada catro delitos cometidos en 2021 foron estafas de tipo telemático. Nese ano producíronse de media 40.000 ciberataques ao día en España, o que representa un aumento do 125 % con respecto a 2020. Segundo o informe, en liñas xerais, os ataques son máis profesionais e sofisticados, con novas formas de infracción, extorsión e pagamento. Neste sentido, en 2021 rexistrouse en todo o mundo un incremento do 29 % nos ciberataques contra o sector educativo con respecto ao ano anterior. 

En España, o crecemento foi do 11 % con respecto a 2020. O texto sinala así mesmo, que no momento actual existe unha situación de ameaza aos servizos públicos, de abastecemento e de información. Ante esta situación, a Xunta participa desde o pasado 21 de febreiro na actuación coordenada polo CCN do Ministerio de Defensa e polo Ministerio de Interior. O informe destaca que a maior parte das medidas solicitadas xa estaban implantadas ou en proceso de implantación na Xunta de Galicia.